Nova: A Xunta de Galicia adxudica as axudas ás galerías de arte para participar en feiras e mercados do sector

21/07/2024

A Xunta de Galicia adxudica as axudas ás galerías de arte para participar en feiras e mercados do sector

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza esta liña de axudas ata 80.000€ para favorecer á proxección exterior dos creadores galegos

As entidades apoiadas nesta convocatoria son a Galería Luisa Pita, Metro e Trinta, de Santiago de Compostela; a Galería Nordés e MoretArt, da Coruña, a Galería La Doce, de Boiro e a Galería PM8, de Vigo

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 cunha achega total de 80.000 euros, 30.000 máis que en 2023.

Neste senso, o obxectivo das achegas, que van dende os 4.000€ ata un máximo de 8.000€ de axuda, é colaborar na proxección exterior dos artistas galegos e no apoio da dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte internacionais.

A adxudicación colaborará con sete galerías galegas, a Galería Luisa Pita, Metro e Trinta de Santiago de Compostela, as Galerías Nordés e MoretArt da Coruña, a Galería La Doce de Boiro e a Galería PM8 de Vigo. Grazas a estas achegas estas entidades participarán nas feiras Miami Art, Art Madrid, Hybrid Art Fair Madrid, ArtBo Bogotá, Frieze London, Paris+ArtBasel, Pinta Miami e Drawing Room Lisboa.

Nesta mesma liña de apoio a actividade que desenvolven, a Xunta tamén renova a súa colaboración con Contemporánea, a asociación de galerías de arte que reúne as principais iniciativas galerísticas de arte contemporánea de Galicia, coa sinatura dun convenio por importe de 55.000 €, incrementado en 10.000 € a partida de 2023.

Con este convenio, o Goberno galego procura seguir estimulando o traballo de difusión cultural das galerías asociadas, ao tempo que se colabora na realización do programa Aberto Galicia 2024, iniciativa prevista para setembro deste ano e na que as galerías asociadas participan conxuntamente para inaugurar a súa tempada expositiva.

Comparte