Nova: Anxo M. Lorenzo celebra dez anos do Festival Hércules Brass en Celanova
22/07/2024
Anxo M. Lorenzo celebra dez anos do Festival Hércules Brass en Celanova
O director xeral de Cultura participa na presentación da iniciativa que reunirá algúns dos máis destacados profesionais en instrumentos de vento-metal
Nos concertos actuarán os artistas internacionais Hakan Hardenberg de Suecia, Adam Rapa de Estados Unidos, Abel Pereira de Portugal e Local Brass Quintent de Francia
Celanova (Ourense), 13 de xuño de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do programa do Festival Hércules Brass, onde salientou a contribución desta cita para “achegar a música de cámara a todos os públicos a través dun programa cheo de artistas de alto nivel”. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude engadiu que a iniciativa, incluída na programación do CulturON promovida pola Xunta de Galicia para os meses de verán, é xa un “punto de encontro e referencia para os novos músicos deste xénero”.
Na presentación, o director xeral de Cultura destacou o compromiso do Goberno galego co Festival Hércules Brass, unha cita que conta cunha década de historia e que reunirá en Celanova a destacados profesionais do trombón, a tuba ou a trompeta chegados desde distintas partes do mundo e de orquestras como a Real Filharmonía de Galicia.
As diversas actividades do festival terán lugar desde o 29 de xullo ata o 2 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que dará por inaugurada a cita será do Local Brass Quintent, mentres que o martes 30 terá lugar o recital que ofrecerán o trompetista Hakan Hardenberg, acompañado pola Real Filharmonía de Galicia. O grupo organizador Hércules Brass ofrecerá un novo repertorio no seu directo o mércores 31, con Sergio Manteiga como solista.
O xoves 1 será a quenda da agrupación local, a Banda de Música de Celanova, que ofrecerá un concerto co trompetista estadounidense Adam Rapa xunto cos seus músicos e o bombardinista Eduardo Diz. A clausura terá lugar o venres 2 de agosto, onde o Hércules Brass Ensemble estará dirixido polo portugués Abel Pereira nun recital no que tamén se estreará a peza Hércules Festival A night in San Rosendo.