Nova: Ferrol, segunda cita das Feiras do Libro de Galicia
22/04/2015
Ferrol, segunda cita das Feiras do Libro de Galicia
A cidade departamental acolle estes días presentacións de novidades editoriais, firma de autores, obradoiros, contacontos e ata actividades ao redor do xadrez
Ata agosto as Ferias do Libro de Galicia percorrerán os concellos de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte
Ferrol, 22 de abril de 2015.- As Feiras do Libro de Galicia, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebran en Ferrol, desde hoxe e ata o 26 de abril, a segunda cita da edición de 2015. Logo da quenda de Pontevedra, a cidade ferrolá acollerá esta cita cultural para lle achegar á cidadanía a oferta editorial máis recente, xunto cunha completa programación de actividades arredor do libro e da lectura.
Na apertura oficial da Feira do Libro de Ferrol, que tivo lugar esta tarde na praza da Constitución, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “esta festa da lectura, do libro e da palabra nos anima a descubrir as múltiples facetas do pracer lector”. En referencia ao lema deste ano, ‘A historia en letras’, afirmou que, “a través das feiras, tamén estaremos un pouco máis cerca do intelectual e galeguista Xosé Filgueira Valverde”, homenaxeado coas Letras Galegas 2015, “unha persoa entregada durante toda a súa vida á lectura e ao estudo, e que, con esa bagaxe, permaneceu nunha actividade constante de creación de proxectos para o desenvolvemento de Galicia”.
Tras indicar que “tamén nós queremos participar dese pulo que nos vén da súa figura e da de toda a intelectualidade galeguista que soubo ver un país con futuro”, Anxo Lorenzo engadiu: “O que ata hai pouco era un soño, hoxe está traducido nunha comunidade que exporta a súa cultura, o seu libro, a súa literatura e a enorme potencia das súas ilustradoras e dos seus ilustradores”.
Na inauguración da vixésimo sexta edición da Feira do Libro de Ferrol tamén participaron o alcalde da cidade, José Manuel Rey, e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol, Antonio Martínez. O acto contou, ademais, co acompañamento musical do Coro Toxos e Froles e coa lectura do pregón a cargo de Xavier Puente Docampo.
Novidades editoriais e múltiples actividades
Ademais das novidades editoriais nos postos das librerías que participan no evento, a feira de Ferrol inclúe presentacións e sinatura de libros, contacontos, obradoiros, actuacións musicais e diversas propostas arredor do xadrez, que darán comezo mañá xoves, Día Internacional do Libro, cunha actividade de animación lectora a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e cun contacontos de Miguel Ánxel Alonso, de Nova Galicia Edicións. Ademais da actuación do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, mañá tamén se presentará o libro ‘Quimera’, de Teresa Cameselle.
O escritor e xornalista Xurxo Souto estará na feira o venres 24 de abril para presentar ‘Océano para terrícolas’, un espectáculo baseado no seu libro ‘Contos do mar de Irlanda’ (Edicións Xerais), gañador do Libro do Ano nos XXIV Premios Irmandade do Libro. A programación para ese día completarana as escritoras Pilar Barreiro e Fusa Guillén, coa sinatura de exemplares das súas obras, Xesús Constela, que presentará o seu libro ‘Apoteose das perchas’, e o contacontos ‘Os contos de Pablísimo’.
Xa na fin de semana, o sábado 25 e o domingo 26 de abril, a feira contará coa participación dos escritores Juan Pablo Rodríguez, Pablo Núñez, Paula Merlán, Concha Blanco, Sonia Mirón, Nieves Abarca, José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane, Antón Cortizas e Henrique Costas. Ademais do contacontos ‘Exploradoras’, de Trécola Teatro, e dos obradoiros de cociña e elaboración de gominolas, a feira tamén contará con diversas propostas arredor do xadrez, con exhibición de partidas simultáneas e a II Mostra popular de xadrez, que contará coa participación do alumnado dos 21 centros de educación infantil e ensino primario de Ferrol.
As Feiras do Libro de Galicia 2015
Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas.
Logo de Pontevedra e Ferrol, o 1 de maio será a quenda da capital de Galicia, onde permanecerán ata o día 10 dese mes. Tamén nos mes das letras, do 12 ao 17, as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño. Xa no verán, a primeira cita será en Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.