Nova: Play-Doc proxectará 32 documentais de 17 países cunha marcada presenza da creación feminina

22/04/2015

Play-Doc proxectará 32 documentais de 17 países cunha marcada presenza da creación feminina

A programación inclúe unha retrospectiva da realizadora francesa Claire Simon, homenaxes aos cineastas Albert Maysles e Manuel Mozos, e unha sección especial dedicada á non-ficción producida no último ano en Galicia

Tui, 22 de abril de 2015.- O XI Festival Internacional de Documentais Play-Doc botou a andar esta tarde en Tui co acto de apertura que dará paso ata o 26 de abril á proxección de 32 filmes procedentes de 17 países, nunha carteleira con presenza protagonista da creación feminina e distintas actividades paralelas dirixidas á difusión do xénero documental.

Unha retrospectiva da realizadora francesa Claire Simon, a homenaxe aos cineastas Albert Maysles e Manuel Mozos ou unha sección especial de sete películas dedicada á non-ficción de produción galega —na que se amosarán as últimas obras de Xacio Baño, Marcos Nine, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco, Álvaro Fernández-Pulpeiro, Miguel Mariño e Hugo Amoedo & Francisco Moser (Hugo Moser)— centran a actual edición do encontro, que inclúe tamén obradoiros, mesas redondas e o concerto de The Legendary Tigerman, que acollerá a sala Metropol de Tui o sábado día 25.

No acto, que tivo lugar no escenario do Teatro Municipal tudense e foi introducido polos codirectores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, ademais do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e da deputada provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.

Na súa intervención, o director da Agadic fixo referencia á continuidade dos principais festivais de cine que se desenvolven dentro da xeografía galega e á calidade dos documentais producidos en Galicia como aspectos importantes que determinan o sistema audiovisual galego actual. Como resultado de ambos os dous factores, indicou que cada nova entrega de Play-Doc “rebasa o ámbito local e preséntase acreditada como unha oportunidade que vai gañando relevancia dentro dos circuítos de distribución e competición nacional e mesmo internacional”.

Sutil destacou, ademais, o compromiso de Play-Doc co medio audiovisual en xeral, que se leva a cabo a través da gran cantidade de actividades complementarias previstas. “Son accións específicas nas que desde a Agadic tamén se colabora fóra das datas estritas do festival, como é o caso, por exemplo, do ciclo dedicado á realizadora francesa Claire Simon que se desenvolverá no CGAI (Centro Galego de Artes de Imaxe) o mes que vén”, engadiu.

Tralas palabras dos organizadores e patrocinadores do evento, o Play-Doc deu comezo coa proxección de ‘Les patients’, a primeira das obras das sete que se inclúen na retrospectiva de Claire Simon. A continuación proxectouse ‘Salóme’, de Yrsa Roca Fannberg, un dos filmes de Play-Doc Workshops.

Comparte