Nova: O Centro Dramático Galego presenta no Festival de artes de Galway a peza ‘An Fear Liath’

26/07/2024

O Centro Dramático Galego presenta no Festival de artes de Galway a peza ‘An Fear Liath’

Trátase dunha coprodución entre a compañía institucional galega, o Teatro Nacional de Irlanda e o Tryater de Países Baixos, no marco do proxecto europeo ‘Phōnē’

A obra está dirixida por Fran Núñez e conta con Marcelino de Santiago ‘Kukas’, Isabel Rey, Rafa Rey na manipulación de obxectos en escena e de Xosé Lois Romero e Hugo Torres na música

Na montaxe do espectáculo, que desenvolve tres pases ao aire libre no peirao de Claddagh, participan máis de 30 persoas, entre intérpretes, manipuladores e mergulladores.

Galway (Irlanda), 26 de xullo de 2024

o Centro Dramático Galego estreou esta pasada noite no Galway International Arts Festival An Fear Liath, unha peza creada en coprodución co Teatro Nacional de Irlanda e o Tryater de Países Baixos, no marco do proxecto europeo Phōnē. A estrea, que se desenvolveu con gran éxito de público na programación dunha das citas culturais máis relevantes de Irlanda, cun enfoque multidisciplinar e moi orientado aos procesos, aborda unha temática de triste actualidade estes días: as traxedias no mar.  

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, viaxou á cidade irlandesa para acompañar o equipo da unidade de produción teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desprazado a Galway, que despois da primeira representación, ten outras dúas funcións programadas para hoxe e mañá. Na montaxe, que se desenvolve ao aire libre no peirao de Claddagh, participan máis de 30 persoas, entre intérpretes, manipuladores e mergulladores.

Sobre un texto orixinal de Philip Doherty, Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, adapta e dirixe unha peza en gaélico que une Galicia e Irlanda a través dunha cultura atlántica compartida polos dous territorios, na que está moi presente a mitoloxía e o drama común que percorre as historias dos dous pobos: os desaparecidos no mar. 

A posta en escena usa como localización un dos peiraos da cidade irlandesa, que serve para ambientar ao vivo esta historia que camiña entre este mundo e o outro, e que nos envolve no tráxico relato dunha aldea de pescadores que se ve sacudida pola inexplicable desaparición dun barco pesqueiro familiar no océano. Joan, a filla maior, regresa a casa pero axiña queda atrapada nunha rede de enganos, supersticións e asasinatos.

A participación galega achega a Marcelino de Santiago Kukas como responsable da manipulación de elementos en escena xunto a Isabel Rey (de Monicreques de Kukas) e Rafael Rey (de Nauta Teatro); e a Xosé Lois Romero e Hugo Torres asinando a música do espectáculo, que conta con sobretítulos en inglés e plan de accesibilidade.

‘Phōnē’ e a proxección do teatro galego no exterior

O proxecto Phōnē. Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, do programa Europa Creativa, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando para contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística de Europa mediante a conexión de profesionais e públicos que pertencen a comunidades con linguas propias, proporcionándolles unha plataforma para a súa expansión e intercambio. No proxecto están representadas estruturas de Irlanda, Países Baixos, Bretaña, Alemaña, Noruega, Italia e Romanía, que propician que o galego poida conversar con linguas como o alto e baixo sorobio, ladino, knven, frisón, bretón, yiddish ou gaélico, como é o caso de An Fear Liath. 

Esta nova coprodución súmase a outros traballos realizados dentro de Phōnē, como foron os espectáculos Os actos e as profecías e O corazón na boca, ademais de diversas iniciativas no marco das International Nights ou das residencias artísticas, que implican tanto a recepción de artistas de fóra en Galicia nos proxectos aquí desenvolvidos como a mobilización de profesionais galegos nas produción estranxeiras. 

Esta experiencia permitiralle á unidade de produción teatral da Xunta abrir, aínda dentro deste ano, outras dúas coproducións que situarán artistas galegos nas devanditas liñas de actividade e que terán o teatro de obxectos como un dos eixos principais. 

 

Comparte