Nova: A Xunta e Afundación ampliarán o programa de visitas guiadas á exposición ‘Pontevedra no tempo’ ante a elevada demanda de público

29/07/2024

A Xunta e Afundación ampliarán o programa de visitas guiadas á exposición ‘Pontevedra no tempo’ ante a elevada demanda de público

As sete quendas abertas ata o momento esgotaron en días todas as prazas, mostra do interese que a exposición está a suscitar na cidade

Organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA, a mostra pode visitarse de balde ata o 14 de setembro

A exposición convida a descubrir a historia e identidade de Pontevedra a través dunha extraordinaria escolla de pezas históricas, obras de arte, mapas, planos e fotografías antigas, así como vídeos e instalacións multimedia

Trátase dunha das propostas que ofrece a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco do ‘CulturON’, o programa de actividades estival

Pontevedra, 29 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia e Afundación ampliarán o programa de visitas comentadas á exposición Pontevedra no tempo ante a demanda do público, que esgotou en poucos días as prazas das sete quendas abertas ata o momento. Proximamente daranse a coñecer as novas datas e as persoas interesadas poderán inscribirse na web de Afundación.

Organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA, a mostra pode visitarse de balde na sede de Afundación en Pontevedra ata o 14 de setembro. O horario é de luns a sábado, de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,30 horas.

Pontevedra no tempo é a última das exposicións do proxecto Cidades no tempo, ciclo que reivindica a identidade urbana de Galicia e que comprende a organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas. A través dunha excepcional escolla de obras de arte, obxectos históricos, mapas, planos e fotografías antigas, vídeos e instalacións multimedia, ofrécese unha oportunidade única para achegarse á identidade de Pontevedra e comprender o seu papel na historia de Galicia.

Pezas icónicas de Pontevedra

Entre as pezas más salientables, destacan documentos como A Paz do Lérez, que alude ao acordo diplomático que estableceu as fronteiras entre os Reinos de España e Portugal; o Retrato de la Villa y Moreira de Pontebedra, plano que está considerado o rostro máis antigo que se conserva da cidade, a Bandeira de Ponte Sampaio, que conmemora a vitoria histórica fronte aos franceses, ou o plano do que foi o camiño máis moderno de Galicia no século XVIII: o da estrada que unía Pontevedra con Santiago, con innovacións revolucionarias como reloxos de sol situados en puntos estratéxicos.

A exposición trae á cidade desde o Museo Nacional D’Art de Catalunya unha excepcional escultura dun Santiago Apóstolo sedente, raramente exhibida en Galicia, que nos recorda os lazos de Pontevedra con Compostela. Outra das pezas arqueolóxicas máis significativas son as laudas hebreas, que representan un dos poucos obxectos materiais que testemuñan a existencia dunha comunidade xudía en Galicia.

Menús do Casino de Pontevedra con debuxos de Castelao ou o plano da primeira oficina de Caixa Pontevedra deseñada por Alexandre Bóveda, son algunhas das pezas que se poden observar. Tamén a gaita de Perfecto Feijóo, unha das figuras precursoras na reivindicación do gaiteiro como icona da cultura popular,  coa que se pon o foco en que en Pontevedra se atoparon algunhas das gaitas máis antigas de Europa.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará. Colaboran tamén de forma esencial institucións da cidade como o Museo de Pontevedra e o Concello, ademais de coleccións privadas e entidades do exterior.

Comparte