Nova: A Xunta apoia a formación musical da Banda sinfónica galega cunha residencia artística que culminará cun concerto ao aire libre no Gaiás

29/07/2024

A Xunta apoia a formación musical da Banda sinfónica galega cunha residencia artística que culminará cun concerto ao aire libre no Gaiás

Na benvida aos participantes, José López Campos fixo fincapé na importancia das bandas dentro do panorama musical galego

A Banda Sinfónica Galega é unha agrupación conformada por 65 músicos de entre 18 e 30 anos escollidos por mestres de recoñecido prestixio

As xornadas botan o peche o vindeiro sábado día 3 de agosto cun concerto conxunto na Praza Central ás 21,00h con entrada libre e de balde

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitou hoxe aos participantes na residencia artística Efemérides 2024, unhas xornadas que se levan a cabo no Gaiás ata o 3 de agosto coa participación de 65 músicos. 

Trátase dunha iniciativa que, tal e como explicou o representante da Xunta de Galicia, culminará o vindeiro sábado 3 de agosto cun concerto conxunto que terá lugar ás 21,00 horas na Praza central con entrada libre e de balde. Neste senso, López Campos, fixo fincapé na importancia destas formacións dentro do panorama musical galego e na celebración destas convivencias anuais que fomentan a mellora formativa das distintas especialidades instrumentais. 

Este ano, as xornadas realízanse por primeira vez no Gaiás converténdose nunha residencia artística na que crear sinerxías e aprender da man de tres profesores de gran renome: o profesor de vento madeira Carlos Timiraos Timiraos, o profesor de vento metal Carlos Figueira Abuín, e o profesor de percusión Diego Rosal Chaves, ademais do director artístico do proxecto, David Fiuza Souto. Efemérides 2024 contribúe así á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que dificilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a Banda Sinfónica Galega como un conxunto instrumental que defende e promove os valores de todas as bandas de música populares galegas. 

A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares, que está formada por uns 6.700 músicos, dos cales máis do 70% son menores de 30 anos. Estas cifras amosan o importante papel que xogan estas agrupacións na formación musical da mocidade galega.

Un concerto de peche ao aire libre

A residencia Efemérides 2024 culminará cun concerto da Banda Sinfónica Galega o sábado 3 de agosto ás 21,00h na Praza Central. O acto constará dun programa configurado cun repertorio vinculado ao ano 24 dos séculos XIX-XX-XXI no que se engloba unha perspectiva estilística variada. Dende repertorio clásico que nace trala extensión dos grupos de música de cámara; pasando polo poema sinfónico de Ottorino Respinghi de 1924; ata situarnos na actualidade, momento no que se estreará a obra do compositor galego Santiago Barreira. 

 

Comparte