Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o compromiso do Festival o Son do pazo coa música tradicional galega

30/07/2024

Anxo M. Lorenzo destaca o compromiso do Festival o Son do pazo coa música tradicional galega

O director xeral de Cultura pon en valor a riqueza que amosa esta cita incluída na campaña ‘CulturON’ da Xunta de Galicia

O Pazo de Mos acollerá actuacións musicais, competicións e obradoiros desde o sábado 31 de agosto ao domingo 1 de setembro

Mos (Pontevedra), 30 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do cartel do IX Festival Intercéltico O Son do Pazo 2024, unha iniciativa que terá lugar co apoio da Xunta de Galicia no Pazo de Mos entre o sábado 31 de agosto e o domingo 1 de setembro.

Na presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o gran labor deste festival ao amosar e difundir a riqueza musical de raíz feita en Galicia. Nesta mesma liña, o director xeral de Cultura tamén destacou o papel do evento coma divulgador da danza tradicional galega e a súa capacidade de conectar á cultura cos asistentes a través de obradoiros e competicións. Así mesmo, lembrou que este festival forma parte da campaña CulturON que ten en marcha a Xunta de Galicia para os meses de verán cunha media de 30 actividades diarias.

A programación do sábado contará coas actuacións da banda de gaitas Airiños do Castelo, Korrontzi, Xosé Lois & Aliboria, Alana e La Duendeneta. O domingo, pola súa banda, os asistentes poderán desfrutar dun obradoiro de baile impartido por Miguel Pardo, dunha actuación musical de Os Melidaos e dunha sesión de animación infantil con Paco Nogueiras. A axenda complétase coa celebración da III edición das Olimpiadas Rurais, a ambientación musical por parte do Grupo de Gaitas do Abrente e a primeira edición do Concurso de Cuartetos.

Comparte