Nova: O Titiriberia de Rianxo volve contar co apoio da Xunta para unha novena edición con 20 compañías en cartel
02/08/2024
O Titiriberia de Rianxo volve contar co apoio da Xunta para unha novena edición con 20 compañías en cartel
Trátase dun dos 12 certames profesionais de artes escénicas subvencionados en 2024 a través da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotada con 280.000 euros
O espectáculo ‘De Vilatriste a Vilalegre’, coproducido polo Centro Dramático Galego e Teatro ó Cubo para o 40º aniversario da compañía pública, atópase entre a trintena de citas dun programa que conta tamén con representación internacional
Rianxo (A Coruña), 2 de agosto de 2024
O festival de monicreques tradicionais Titiriberia anunciou hoxe a programación completa da súa novena edición, que desenvolverá en Rianxo do 12 ao 18 de agosto e para a que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de subvencións a mostras profesionais de artes escénicas. Desta volta, son 20 as compañías que compoñen a súa carteleira, que inclúe 30 funcións, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto co Larraitz Urruzola, directora artística do festival que promove a asociación cultural Morreu o Demo, e os representantes do resto de entidades colaboradoras. Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a organización polo programa deste ano, que ademais de servir de escaparate para numerosas producións galegas, achega á nosa Comunidade outras interesantes propostas procedentes de República Checa, Portugal, Andalucía, Madrid e País Vasco.
Incremento das axudas ás mostras escénicas
Sutil explicou que a colaboración con Titiriberia insírese na liña de apoio específico a mostras de artes escénicas, que a Xunta canaliza anualmente a través dunha convocatoria de subvencións. En 2024 foron 12 os festivais beneficiarios destas axudas, que incrementaron a súa dotación en máis dun 30% respecto a 2023 para situarse nos 280.000 euros.
O Goberno galego recoñece así o papel deste tipo de certames profesionais como dinamizadores culturais, ademais de como plataforma de exhibición da máis recente produción escénica de Galicia. É o caso do Titiriberia, onde o vindeiro día 15 recalará De Vilatriste a Vilalegre, coprodución do Centro Dramático Galego con Teatro ó Cubo coa que a compañía pública está a compartir o seu 40º aniversario co público dun cento de concellos de toda Galicia.
Viravolta Títeres, Títeres Alakrán, Teatro Airiños ou Trécola son outras das formacións galegas que representarán as súas últimas propostas na mostra de Rianxo, que inclúe ademais dúas producións propias e sete coproducións con diferentes compañías.
A principal convidada internacional deste ano será a República Checa da man de dous recoñecidos especialistas na tradición histórica dos monicreques nese país, Marie Jirásková e Pavel Jirásek, cun obradoiro, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unhas sesión audiovisual.
Outro dos pratos fortes deste ano será a chamada Feira Vella, que acollerá as estreas de varias propostas escénicas e na que o público poderá gozar, ademais, de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais.