Nova: A Xunta promove o talento musical da mocidade galega cun concerto da Banda Sinfónica no Gaiás
03/08/2024
A Xunta promove o talento musical da mocidade galega cun concerto da Banda Sinfónica no Gaiás
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á actuación na Cidade da Cultura coa que finaliza a residencia artística ‘Efemérides 2024’
Destaca “a gran oportunidade de formación que supón para a xuventude”
O conxunto está formado por 65 músicos de entre 18 e 30 anos escollidos por mestres de recoñecido prestixio
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistirá esta noite na Cidade da Cultura, ás 21,00 horas, ao concerto con entrada libre e de balde da Banda Sinfónica Galega co que pecha a residencia artística Efemérides 2024, na que conviviron e se formaron desde o pasado luns, 29 de xullo, 65 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Así, destacou a “gran oportunidade de formación que supón esta iniciativa para a mocidade, contribuíndo a impulsar o seu talento musical”. Ademais, engadiu, “a Sinfónica Galega é unha agrupación que vén defender e promover os valores das bandas populares”.
O concerto constará dun programa configurado cun repertorio vinculado ao ano 24 dos séculos XIX-XX-XXI no que se engloba unha perspectiva estilística variada. Desde repertorio clásico que nace trala extensión dos grupos de música de cámara, pasando polo poema sinfónico de Ottorino Respinghi de 1924, ata situarnos na actualidade, momento no que se estreará a obra do compositor galego Santiago Barreira.
Cómpre lembrar que os mozos e mozas da agrupación veñen de participar no XVI Encontro anual da Banda Sinfónica, que este ano se celebrou por primeira vez na Cidade da Cultura, evolucionando á residencia artística Efemérides 2024. Nestas xornadas, que rematan hoxe estiveron acompañados de tres profesores de gran renome: Carlos Timiraos en vento madeira, Carlos Figueira en vento metal, e Diego Rosal en percusión, ademais do director artístico do proxecto, David Fiuza.
Efemérides 2024 contribúe á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que dificilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a creación de sinerxías entre os artistas.
Unha peza chave na música galega
A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares, formada por uns 6.700 músicos, dos cales máis do 70% son menores de 30 anos. Estas cifras amosan o importante papel que xogan estas agrupacións na formación musical da mocidade galega. Nos últimos anos consolidouse a aposta decidida pola aprendizaxe musical a través das escolas das propias bandas, o que supón tamén a aparición de cada vez máis seccións infantís e xuvenís. Ademais, as bandas de música populares xogan un papel chave no tecido cultural dos concellos rurais, xa que a maioría destas formacións desenvolven a súa actividade en vilas de tamaño medio e pequeno.
Deste xeito, as bandas de música constitúen unha saída profesional para as persoas que se dedican á interpretación instrumental con formación regrada, ben como medio para desenvolver a capacidade artística por si, ou ben como paso inicial cara outro tipo de formacións.