Nova: López Campos comproba as obras de restauración na igrexa de Santa María de Sacos cun investimento de case 330.000€ por parte da Xunta

03/08/2024

López Campos comproba as obras de restauración na igrexa de Santa María de Sacos cun investimento de case 330.000€ por parte da Xunta

O responsable autonómico de Cultura explica que o obxectivo destes traballos é resolver as patoloxías producidas polas inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo

A finalidade desta intervención tamén é corrixir as alteracións producidas por unhas intervencións que se levaron a cabo na segunda metade do século XX para evitar a entrada de auga e o exceso de humidade

A intervención encádrase no compromiso do Goberno autonómico coa conservación, protección e posta en valor do patrimonio rural galego

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 3 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez, visitou hoxe a igrexa de Santa María de Sacos onde comprobou os traballos que a Xunta de Galicia está levando a cabo para resolver as patoloxías que produciron as inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo cun investimento de case 330.000€.

Na visita ao templo que se atopa en Cerdedo-Cotobade, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a necesidade dunha restauración, por unha banda, debido ás situacións climáticas adversas e, por outra, a causa duns traballos feitos, durante a segunda metade do século XX, para evitar a entrada de auga e o exceso de humidade, cos que o inmoble sufriu unha desvalorización estética e artística.

Neste senso, agradeceu “a profesionalidade dos traballadores que están a levar a cabo estas obras para poder salvagardar os bens culturais, históricos e relixiosos que garda esta igrexa”. Nesta mesma liña, destacou que a actuación en Santa María de Sacos forma parte do compromiso que a Xunta de Galicia mantén coa conservación, a protección e a posta en valor do patrimonio rural galego.

As intervencións, iniciadas en 2023 e executadas ao 65%, buscan solucionar as filtracións de auga do templo a través dun illamento térmico sobre as bóvedas da nave e a ábsida e sobre o falso teito da sancristía, ademais de impermeabilizar correctamente a cuberta e o encintado dos muros. Tamén inclúe, na porta principal, unha canle para a recollida de augas e evitar así as filtracións ao interior da igrexa. En canto aos paramentos, farase unha limpeza superficial e un saneado das xuntas para retirar os encintados de morteiro existentes.

Para as carpinterías o proxecto tamén inclúe a substitución das ventás existentes de aluminio, que non permiten a ventilación da igrexa e a eliminación do revestimento superficial a base de árido, xeso e morteiro de cemento que cobre a maior parte dos muros. Nas intervencións tamén se prevé a retirada do coro de formigón por un novo realizado en madeira, semellante ao que tiña o inmoble. Finalmente, actuarase sobre as pinturas que se atopan na bóveda da ábsida.

Comparte