Nova: As axudas ao talento audiovisual galego impulsan 11 proxectos de curtametraxes e de longametraxes noveis con 176.000 euros
04/08/2024
As axudas ao talento audiovisual galego impulsan 11 proxectos de curtametraxes e de longametraxes noveis con 176.000 euros
Esta dotación súmase aos 270.000 euros xa adxudicados no pasado mes de abril á escrita de guións
A dotación individual que recibe cada curtametraxe increméntase e pasa de 6000 a 8000 euros por proxecto
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2024
A Xunta de Galicia distribuirá este ano 176.000 euros entre 11 proxectos de longametraxes de dirección novel e de produción de curtas a través das subvencións destinadas á promoción do talento audiovisual galego. Esta dotación súmase aos 270.000 euros que xa foran adxudicados o pasado mes de abril para a escrita de guións e da que resultaran beneficiarias 13 propostas. A convocatoria deste ano incrementa, ademais, a dotación que reciben as curtametraxes seleccionadas, que pasa dos 6000 aos 8000 euros.
A través da Axencia Galega das Industrias Culturais, destínanse 120.000 euros á modalidade de longametraxes de dirección novel para tres filmes: Proto, de Acarino Films, SL; Sós, de Omen; e Xuño en xullo. Retablo dos traballos e os días, de Francisco Javier Codesal Pérez.
Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia tamén os novos proxectos de cineastas que están desenvolvendo curtametraxes, unha categoría na que resultaron escollidas seis propostas e ás que se lles adxudica un total de 48.000 euros, aumentando en 12.000 euros a dotación con respecto á convocatoria anterior.
Os títulos que reciben axuda están asinados por Claudia Brenlla López, que presenta Antes de antes; Paula Pereira González con Algo novo que contar; Raquel Álvarez Méndez autora de A misteriosa desaparición de Ángel e Raquel; Pablo Aguilar Martín como responsable de Niño monaguillo e os seus pecados; Santiago Pereira Lorenzo con Traslatio; e Iria Silvosa Pereira con A Pena.
Por último, na categoría de curtametraxes en construción, as obras seleccionadas pola comisión avaliadora son as presentadas por Danga Danga Audiovisuais, con Mounir; e Cristela Torres Nine, con Canción 37.
A resolución completa de adxudicación pode consultarse na web na Axencia Galega das Industrias Culturais.