Nova: López Campos comproba os avances na rehabilitación da capela de Cortegada que xa conta coa bóveda

06/08/2024

López Campos comproba os avances na rehabilitación da capela de Cortegada que xa conta coa bóveda

O titular de Cultura explica que a actuación pretende “incorporar este ben aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e recuperar a memoria dos seus habitantes”

Durante a intervención reconstruíuse, ademais da bóveda e o arco, as partes dos muros derrubadas, mentres que en breve comezará a colocación da cuberta

O proxecto, cun investimento de 600.000€, encádrase no compromiso do Goberno galego coa conservación, protección e posta en valor do patrimonio

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez, comprobou hoxe o estado dos traballos de rehabilitación da capela da Virxe dos Milagres, na illa de Cortegada, nos que a Xunta inviste 600.000€. Unha actuación coa que, lembrou o responsable autonómico de Cultura, “pretendemos incorporar este ben aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, recuperando así un importante elemento da historia deste territorio e a memoria das xentes que o habitaron”.

Na súa visita ás obras, puido observar a bóveda de canón e o arco, xa montados, e cuxa reconstrución partiu das pezas de cantería que se puideron recuperar tras o derrubamento producido na edificación. Así, López Campos incidiu en que se trata “dun proxecto de rehabilitación integral que nos vai permitir levantar de novo a capela e revalorizala como parte do noso patrimonio”. Tamén destacou a contorna na que se atopa a igrexa, a illa de Cortegada, á que se referiu como un espazo “de gran valor natural que o Goberno galego quere preservar ao tempo que se facilita o seu goce por parte da cidadanía cun modelo sustentable”.

Neste senso, o proxecto promovido desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, executado ao 50%, consiste na reconstrución da bóveda de canón do presbiterio e dos muros, ademais doutros traballos que teñen que ver coa limpeza e rexuntado nos muros aínda en pé e dos interiores do inmoble, conservando os restos de posible policromía existente.

A intervención complétase coa execución dunha nova cuberta a base de estrutura de madeira, así como coa colocación de novas carpinterías de madeira en portas e de cristaleiras nas fiestras. Ademais, outro dos puntos recollidos no proxecto refírese a labores de saneamento e drenaxe do pavimento interior e ao acondicionamento do exterior da igrexa como son o adro, a escaleiras e o espazo que ocupaba o antigo hospital. O desenvolvemento da actuación conleva tamén unha investigación arqueolóxica de todo o conxunto.

A capela da Virxe dos Milagres

A illa de Cortegada alberga un importante bosque de loureiros e os restos do antigo poboado, nos que destaca a capela da Virxe dos Milagres, con vestixios da sancristía e do antigo hospital acaroados á súa fachada sur.

No 2017 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural realizou obras de consolidación das ruínas da igrexa, despois do seu derrubamento, e tamén se desenvolveron traballos de clasificación das pezas construtivas de muros, arcos, bóveda e cornixas.

Comparte