Nova: O folk progresivo de Faneka e a cumbia urbana de Cosmic Wacho protagonizan esta semana os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’
07/08/2024
O folk progresivo de Faneka e a cumbia urbana de Cosmic Wacho protagonizan esta semana os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’
Faneka presentará ‘Naranjas al mar’ un disco plural e luminoso que estende as súas raíces musicais desde o Mediterráneo ata Madrid, América e Galicia
O dúo arxentino-malagueño Cosmic Wacho subirá a temperatura con temas como ‘Botecito’ e a súa mestura de ritmos latinos, urbanos e psicodelia
As actuacións, con acceso libre e gratuíto, serán este xoves 8 e venres 9 de agosto ás 21 horas na Praza central da Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024
Os concertos desta semana de Atardecer no Gaiás, ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Fundación Cidade da Cultura, apostan pola fusión de estilos musicais coas actuacións da banda catalana Faneka —o xoves 8 de agosto—, e o dúo arxentino-malagueño Cosmic Wacho, o venres día 9. Ambas citas serán ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás, con entrada libre e de balde.
Formada por Inés de Lis, Bruna González, Anika Sobrino e Alán Denis, Faneka busca a simbiose entre o folclore iberoamericano e o rock progresivo para construír paisaxes sonoras cheas de luz e maxia. No escenario de Atardecer no Gaiás escoitaranse os temas do seu último disco, Naranjas al mar, no que o grupo canta sen complexos en catalán, inglés, castelán e galego —na canción Lalalá— reflexo da diversidade das súas orixes e influencias musicais.
Ao día seguinte será a quenda de Cosmic Wacho e a súa orixinal proposta de cumbia urbana, xurdida en pleno confinamento en 2020. O dúo arxentino-malagueño composto por Aless Domínguez e Franco Felici terá a encomenda de animar ao público coa súa mestura de psicodelia tropical, sintetizadores e letras cargadas de humor.
Seis concertos máis en agosto
Atardecer no Gaiás continúa todos os xoves e venres de agosto con seis propostas máis para gozar da música en directo. Os galegos Alana, ALARIDO e Santi Araújo, os madrileños Carrera Blanca e Rocío Saiz e a rapeira de orixes manchegas Bewis de la Rosa completan un cartel diverso no que teñen cabida os estilos que máis están a soar entre o público novo, como o neo-tradi, o indie, o electropop e os ritmos urbanos.
O ciclo inclúese na campaña CulturON do Goberno galego, que impulsa máis de 30 actividades culturais diarias por toda Galicia, e nesta edición volve contar co apoio de Cervezas Alhambra.