Nova: López Campos destaca a aposta do ‘Festaclown’ polo humor “como ferramenta de concienciación social”
07/08/2024
López Campos destaca a aposta do ‘Festaclown’ polo humor “como ferramenta de concienciación social”
O titular autonómico de Cultura resalta a iniciativa como exemplo do “compromiso da Xunta con achegar a actividade cultural a todo o territorio e todos os públicos”
O encontro, que conta cunha das subvencións do Goberno galego a festivais de artes escénicas, combina propostas galegas coa presenza de compañías internacionais
O cartel acolle catro estreas absolutas e seis en Galicia, como a o espectáculo Magia y humor do ilusionista e conferenciante Miguel de Lucas
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 7 de agosto de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da novena edición do Festaclown, que regresa a Vilagarcía de Arousa do 19 ao 24 de agosto con humor e circo. Unha aposta, tal e como destacou o representante da Xunta, “por valerse destas artes como ferramenta para a concienciación social”.
A iniciativa, que conta coa colaboración do Goberno galego a través da convocatoria anual de subvencións para festivais profesionais de artes escénicas, encádrase no obxectivo da Administración autonómica, tal e como lembrou López Campos, “por achegar a actividade cultural a todo o territorio e a todos os públicos como así recolle a Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que impulsamos desde a Consellería e se está a tramitar no Parlamento”. Neste senso, engadiu, “unha mostra do noso compromiso con toda a cidadanía é a gran oferta de propostas, como esta que hoxe presentamos, que se estende por toda a Comunidade no marco do CulturON, a nosa programación de verán”.
O Festaclown é un dos 12 eventos apoiados mediante a liña de axudas a festivais de artes escénicas, que en 2024 contou cunha dotación de 280.000 euros, experimentando un incremento de máis do 30% respecto do ano anterior. Deste xeito, como indicou o titular de Cultura, o Goberno galego recoñécelles a estes festivais o seu papel como dinamizadores culturais e como polos de atracción turística, ademais de como plataformas de exhibición da máis recente produción artística de Galicia.
Así, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou ao director do Festaclown, Nacho Fungueiriño, e ao resto do equipo por esta novena edición, na que o festival se consolida como escaparate para espectáculos galegos de circo, maxia ou narración oral, ao tempo que lle ofrece ao público a posibilidade de gozar de compañías internacionais. O seu desenvolvemento polas rúas e prazas da capital arousá incide positivamente na gran afluencia de espectadores que caracteriza esta cita estival.
Zancos e patíns para a inauguración
Con catro estreas absolutas e seis en Galicia, a carteleira conta como representantes internacionais con Circ Colokolo (Marrocos) e Tchyminigagua (Colombia). Esta última formación, que celebra o seu 40 aniversario, será a encargada de inaugurar o festival o vindeiro día 19 levando os seus zancos en patíns polas rúas de Vilagarcía. O peche do Festaclown correrá a cargo do ilusionista e conferenciante Miguel de Lucas co seu espectáculo Magia y humor, que presenta por vez primeira en Galicia.
Ofrecerase, ademais, un percorrido polo máis destacado do circo español con compañías procedentes de Madrid, País Vasco, Castela e León ou Valencia, comunidade desde onde chega a afamada Ameba Teatre coa estrea galega de Cataplum.
Pola banda de Galicia, prográmanse os espectáculos Pepa a Loba, de Cris Collazo; A nena lentella, de Olga Abad; O útimo que apague a luz, de A Vela Circo; Contos en lila, de Cris de Caldas; Crunch 2, de Muu; Henriko, o feiticeiro, de Simplemente Enricco, e Máis Saaabor!, de Culturactiva.
Ademais, seguindo a liña solidaria e participativa que sempre caracterizou o Festaclown, esta ano colabora coa Fundación Igualarte, a asociación Con Eles e o taller de teatro Clámide, para acoller varias estreas da man de compañías con artistas con capacidades diversas.
Circuíto de festivais diverso e consolidado
A través das súas axudas a festivais profesionais de artes escénicas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia en 2024 unha ducia de citas que configuran un circuíto consolidado e diverso en canto ás modalidades artísticas, temáticas e localización xeográfica.
Ademais do Festaclown, figuran nesta listaxe a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, o Festival Internacional de Títeres de Redondela, o Sacra Festival na Ribeira Sacra, Danza no Claustro en diferentes concellos ourensáns, a Mostra de Teatro de Cariño, o Titiriberia de Rianxo, o Festival Internacional de Teatro de Outono de Carballo, o Galicreques de Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Teatro de Ourense e o Desfoga de Cambados.