Nova: ‘Cidade Imaxinaria’ volve ao Gaiás o 7 de setembro cunha ducia de propostas que van desde xogos de realidade virtual ata espazos sensoriais para bebés

09/08/2024

‘Cidade Imaxinaria’ volve ao Gaiás o 7 de setembro cunha ducia de propostas que van desde xogos de realidade virtual ata espazos sensoriais para bebés

O festival, que chega a súa doceava edición, reunirá a once compañías de Galicia, Portugal, País Vasco e Cataluña

Novo circo, clown, xogos tradicionais, malabares ou maxia completan un evento co que culmina a programación familiar de verán da Cidade da Cultura

Con acceso libre e de balde, as actividades e espectáculos terán lugar desde as 16,00 ás 20,00 horas

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia convida ás familias a pechar o verán por todo o alto cunha das citas imprescindibles do ocio en conxunto. A Cidade Imaxinaria regresa por duodécima vez á Cidade da Cultura o vindeiro 7 de setembro para mergullar a pequenos e maiores na ilusión dunha xornada que concentra maxia, música, xogos e circo desde as 16,00h ata as 20,00h con entrada libre e de balde.

O evento, que forma parte da programación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, congrega a 11 compañías que proveñen de Galicia, Portugal, País Vasco e Cataluña cun total de 13 propostas entre as que atopamos espectáculos fixos, itinerantes e zonas de xogo e instalacións artísticas.

A Cidade Imaxinaria pon á cativada no centro e, neste 2024, lévanos a reflexionar sobre o noso presente e o futuro que deixamos con espectáculos en chave de clown e teatro de rúa que nos falan sobre o medio ambiente e a importancia de vivir o presente. Haberá tamén instalacións e zonas de xogo a través das que os nenos e nenas poderán, por unha banda, redescubrir xoguetes tradicionais e, pola outra, adentrarse no mundo da realidade virtual inmersiva. Ademais, durante a xornada, o Gaiás albergará varios espazos sensoriais para bebés, que completan a programación do día. Tamén haberá unha zona gastronómica.

Cita clásica do Gaiás

A Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás. Desde 2011, e tras un parón durante a pandemia, este evento leva congregando a milleiros de familias na Cidade da Cultura ao longo das súas once edicións previas.

O Gaiás acollerá así funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas. Pasarrúas que percorrerán a Cidade da Cultura ao ritmo do dixieland, un estilo de jazz popularizado nos anos vinte; zonas de xogos e instalacións máxicas. A Cidade Imaxinaria, que se realiza a última fin de semana antes de que comecen as clases, é o colofón final dun verán en familia no Gaiás.

Comparte