Nova: A Xunta ofrece este verán co ‘CulturON’ case 500 actividades culturais en 20 concellos da comarca de Santiago

09/08/2024

A Xunta ofrece este verán co ‘CulturON’ case 500 actividades culturais en 20 concellos da comarca de Santiago

A campaña estival do Goberno galego chega a 200 concellos con música, maxia, artes escénicas, exposicións, patrimonio ou bibliotecas, entre outras propostas

A delegada da Xunta, Belén do Campo, salienta que esta campaña garante o acceso universal á cultura, potencia a diversidade da oferta e apoia as iniciativas das industrias creativas galegas chegando a moi diversos puntos da Comunidade

Rois (A Coruña), 9 de agosto de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Rois, Ramón Tojo, participou nunha das actividades organizadas dentro do ciclo CulturON, campaña de verán do Goberno galego cunha ampla oferta cultural e que, na comarca de Santiago, oferta case 500 actividades en 20 concellos das cales seis teñen lugar neste municipio coruñés.

Belén do Campo destacou que esta campaña, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, garante o acceso universal á cultura, potencia a diversidade da oferta e apoia as iniciativas das industrias creativas galegas chegando a moi diversos puntos da Comunidade.

En concreto en Rois,  a mañá de hoxe, no campo da festa de Urdilde os asistentes gozaron da actuación Imposibles o Improbables, un espectáculo de maxia fascinante e familiar que ofrece un viaxe a través do inverosímil e o extraordinario. Pola tarde, será a quenda do espectáculo de teatro a cargo de Barafunda, no que o lume e maxia combínanse neste espectáculo para achegar un pouco máis os misterios da nosa Galicia máxica.

CulturON

Coas propostas xa en marcha, que continuarán ata o mes de setembro, neste 2024 dáselle continuidade a unha campaña que xa funcionou durante o pasado ano e que cobra agora unha dimensión maior xa que, segundo explicou a representante do Goberno galego, “atopándonos nun momento de gran vitalidade no sector, sobrepasando os indicadores previos á covid no relativo á actividade, facturación, e emprego”.

Así, lembrou que o 2023 foi “un ano moi importante para a cultura galega, por iso desde a consellería queremos contribuír firmemente a que os fitos conseguidos se vexan incrementados neste 2024 a través de proxectos que respondan aos diversos intereses do público e das persoas creadoras”.

Tal e como sinalou Belén do Campo, todas as propostas, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, engloban unha “oferta plural destinada a satisfacer os diversos gustos da cidadanía a través de proxectos propios da Administración autonómica e a colaboración con diferentes institucións públicas e entidades privadas”. Trátase, ademais, dunha programación que vai na liña dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que acaba de recibir o visto e prace do Consello da Xunta, e da futura Rede Adival de dinamización cultural no ámbito rural.

Desta maneira, a oferta caracterízase pola súa descentralización e diversificación, con presenza en máis de 200 concellos de Galicia e unha media diaria de 30 accións. Abrangue máis de 500 propostas no marco de festivais de diversa índole como música, teatro ou narrativa; 800 iniciativas vencelladas a distintos circuítos de maxia, espectáculos de rúa ou literatura, entre outros; máis de 200 citas musicais e outras 200 funcións relacionadas coas artes escénicas; preto de 300 accións englobadas no Plan Corresponsables Cultura e 300 actividades máis organizadas ao abeiro da Rede de Bibliotecas Públicas coordinadas pola Xunta; unha trintena de exposicións e 40 actividades en prol da lingua.

Campamento voluntariado internacional

A delegada da Xunta aproveitou a vista a este concello para visitar os mozos e mozas que participan este verán nunha nova edición do campo de voluntariado internacional que promove o Goberno galego de temática arqueolóxica para poñer en valor o castro de Lupario. Trátase dunha das actividades incluídas na campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que, baixo o lema O teu mellor verán, oferta máis de 11.500 prazas en actividades de lecer.

Nestes días do 3 ao 14 de agosto, 15 mozos e mozas do estranxeiro e outras comunidades autónomas participan xunto con rapazada galega nun campamento de carácter arqueolóxico. O castro do Lupario, identificado como o fogar da lendaria raíña Lupa, continúa a deparar importantes achados. Trátase dun poboado galaico que se localiza entre las parroquias de San Xulián de Bastabales (Brión) e Ribasar (Rois), foi declarado Ben de Interese Cultural.

Na visita, a representante do Goberno galego destacou os “valores de respecto, conservación e protección do patrimonio cultural” que supoñen este tipo de propostas dentro da oferta da Xunta de Galicia, xa que os voluntarios e voluntarias, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, realizarán tarefas de carácter arqueolóxico e de conservación que son compaxinadas con actividades de lecer e deportivas.

Comparte