Nova: Patrimonio Cultural autoriza sondaxes xeotécnicas no Paseo de Alfonso XII de Vigo

12/08/2024

Patrimonio Cultural autoriza sondaxes xeotécnicas no Paseo de Alfonso XII de Vigo

A Dirección Xeral comunica ao Concello o informe favorable para realizar perforacións relacionadas coa prolongación do túnel de Elduayen

Vigo, 12 de agosto de 2024

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre a súa solicitude para realizar sondaxes xeotécnicas no Paseo de Alfonso XII e avanzar na prolongación do túnel de Elduayen. O departamento autonómico responde así á administración local sobre a petición en relación ao proxecto básico de prolongación do túnel de Elduayen ao encontro co novo vial do futuro proxecto do barrio do Cura.

Patrimonio Cultural apunta que desde o punto de vista do patrimonio arqueolóxico as sondaxes propostas quedan fora da zona con restos rexistrados en intervencións arqueolóxicas recentes, os cales se corresponden co baluarte e a porta de Falperra, elementos que forman parte do cerco moderno da cidade (século XVII) desmantelado no seu día.

“Tendo en conta que a actuación é imperceptible en superficie e que vai a xerar uns movementos de terras inapreciables desde o punto de vista arqueolóxico non hai inconveniente na execución das sondaxes sen outras consideracións”, conclúe.

Comparte