Nova: A Feira do Libro chega a Viveiro con máis de 40 iniciativas vencelladas á lectura

12/08/2024

A Feira do Libro chega a Viveiro con máis de 40 iniciativas vencelladas á lectura

Trátase da décimo primeira parada do circuíto cultural impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia

Os xardíns de Noriega Varela acollerán ata o mércores 15 de agosto propostas, como espectáculos, presentacións, sinaturas de libros e sesións de teatro infantís

Todas elas están inmersas no ‘CulturON’, o programa de actividades da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o verán

Viveiro (Lugo), 12 de agosto de 2024

O ciclo de Feiras do Libro chega a Viveiro, impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O encontro, que supón a décimo primeira parada no percorrido por 13 localidades ata finais deste mes, prolongarase ata o mércores 15 de agosto nos xardíns de Noriega Varela.

A cita inaugurouse coa lectura do pregón a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. Tras isto deuse comezo á ampla programación na que se inclúen máis de 40 actividades culturais como presentacións, sinaturas de libros, espectáculos musicais ou sesións de teatro infantís.

A de Viveiro é a onceava parada do circuíto que este ano inclúe no programa 13 localidades e que se enmarca no CulturON, o amplo abano de iniciativas culturais de todos os tipos e para todos os públicos impulsado neste verán pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 30 actividades diarias.

Esta feira permanecerá aberta ao público nos xardíns de Noriega Varela ata o 15 de agosto, de 12,00 a 14,00 horas e de e de 18,00 a 22,00 horas, con máis dunha vintena de autores e autoras e con 13 librarías e editoriais. O calendario das Feiras do Libro continuará durante este mes coas últimas paradas en Foz (do 16 ao 19) e rematará en Monforte de Lemos (do 21 ao 24).

Hábitos lectores da poboación galega

Este tipo de iniciativas impulsadas polo Goberno galego a prol da lectura buscan dinamizar o sector libreiro e tamén a dar a coñecer a ampla produción literaria da Comunidade.

Cómpre destacar que en 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música (88,8%) e ver televisión (88,9%). Cómpre destacar tamén outro dato, o da porcentaxe actual de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos, que se sitúa no 96,9% e alude a aquelas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.

No que se refire especificamente á lectura de libros, se atendemos só a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre (é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo) polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.

Comparte