Nova: Sólodos protagoniza a primeira estrea do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego

13/08/2024

Sólodos protagoniza a primeira estrea do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego

A compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez foi unha das tres seleccionadas para coproducir un espectáculo coa unidade de danza da Xunta na temporada 2024-2025

Os bosques asolados polo lume como metáfora do rexurdimento inspiran esta peza, da que se ofrecerán dous pases o domingo pola tarde no Neveiro do Eirado

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024

Sólodos, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez, abre este domingo 18 a temporada de estreas do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego cos primeiros pases públicos do espectáculo Mover cenizas. A peza poderá verse no Neveiro do Eirado do municipio ourensán de Xunqueira de Espadanedo en sesión dobre, ás 19,00 e ás 20,00 h.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu os integrantes de Sólodos nos días previos a esta estrea para coñecer de primeira man o proceso creativo desta coprodución, así como o balance doutros dos proxectos promovidos pola compañía ourensán para os que contan tamén co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como a recente edición de Danza no claustro, un dos 12 festivais subvencionados este ano na convocatoria anual para mostras profesionais de artes escénicas.

Mover cenizas está inspirada na vaga de lumes que asolaron a provincia de Ourense no ano 2006 e que deixaron unha profunda pegada na coreógrafa Maruxa Salas. A cinza aparece como residuo do arrasado, do deserto e da poética do que queda, do que perdura e como se transforma, construíndo a partir dos bosques convertidos en po unha metáfora do rexurdimento, un convite a habitar o presente para continuar polo camiño da vida.

Reserva de entradas

O lugar escollido para a súa estrea é un antigo neveiro recuperado, unha construción escavada na terra e cuberta con pedra, que se utilizaba para almacenar a neve durante o inverno e aproveitala despois para a conservación de alimentos ou para fabricar bebidas xeadas, ou mesmo con usos terapéuticos. As entradas só están dispoñibles mediante reserva a través de mensaxe de WhatsApp aos números de teléfono 630 742 946 ou 656 473 338.

Maruxa Salas e Erick Jiménez están á fronte da dirección e das coreografías, nas que contaron tamén coa asistencia do coreógrafo catalán Arnau Pérez de la Fuente. O ourensán John Axiom é o responsable do espazo sonoro e da composición musical, mentres que Víctor Lopez Carbajales e Manu Lago encárganse da produción e o vestiario é de Adolfo Domínguez.

Compañías consolidadas e emerxentes

Dotado con preto de 54.500 euros, o programa anual de coproducións de danza que a Xunta desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego impulsará outras dúas pezas, actualmente en proceso de creación: Cicatriz (título provisional), de Kirenia Danza, que xunto con Mover cenizas foi seleccionada na modalidade de compañías consolidadas, e Transeúnte, de Daniel Rodríguez, no apartado de artistas emerxentes.

Na convocatoria deste ano, introducíronse como criterios de avaliación varias medidas que conectan cos obxectivos do Plan integral para a danza de Galicia e a futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, como son a adaptación a espazos non convencionais, a profesionalización da danza tradicional, a visibilidade da danza nos medios de comunicación ou o fomento da asistencia de público familiar e xuvenil.

O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por oitavo ano consecutivo, entronca tamén co devandito plan da Xunta no sentido de favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno.

Ademais de impulsar estas tres pezas, o Centro Coreográfico Galego coproduciu este ano Dique, de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos, que resultou adxudicataria na convocatoria para espectáculos de gran formato lanzada en 2023.

Comparte