Nova: López Campos salienta o legado de Alexandre Bóveda como “un referente para todos os galegos e galegas”

17/08/2024

López Campos salienta o legado de Alexandre Bóveda como “un referente para todos os galegos e galegas”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa nos actos do Día da Galicia Mártir que se celebran este sábado na localidade de Poio

As homenaxes inclúen tamén unha ofrenda floral esta tarde coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP acompañado polo secretario xeral da Lingua

Poio (Pontevedra), 17 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, referiuse hoxe ao legado de Alexandre Bóveda como “un referente para todos os galegos e galegas”. Fíxoo na celebración do Día da Galicia Mártir, que tivo lugar este sábado na localidade de Poio, coincidindo co pasamento de Bóveda, e na que participou acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.

No senso desta celebración, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor a figura deste insigne galeguista cuxa contribución permitiu a “Galicia democrática e plural na que vivimos” e fixo un chamamento para continuar impulsando “un traballo colectivo baseado no consenso” que contribúa a “construír unha Galicia mellor”.

Ademais, o conselleiro tamén aproveitou a ocasión para agradecer a implicación de todas as institucións, así como da familia do homenaxeado por conservar e difundir o legado dunha persoeiro que traballou para acadar o recoñecemento de comunidade histórica que temos na actualidade.

Os actos do Día da Galicia Mártir inclúen tamén unha ofrenda floral, esta tarde no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado tamén polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Comparte