Nova: Chega a Madrid a mostra conxunta Alexandro, Antón, Vidal
23/04/2015
Chega a Madrid a mostra conxunta Alexandro, Antón, Vidal
A exposición dos tres pintores leva o concepto de ourensanía á arte plástica
Madrid, 23 de abril de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou esta tarde as “fondas raíces e o carácter internacional” da obra plástica dos “excepcionais” artistas galegos Alejandro González Cruz, “Alexandro”, Antón Lamazares e José Manuel Vidal Souto con motivo da apertura en Madrid dunha exposición que conxuga creacións dos tres pintores. Inaugurada previamente en Ourense, a mostra, que leva por título “Alexandro, Antón, Vidal”, recala agora na capital de España, concretamente no Centro Cultural Conde Duque.
Román Rodríguez cualificou a exposición de “extraordinaria”, dado que reúne catro aspectos que así o certifican, como son a singularidade e orixinalidade de cada un dos artistas plásticos, a súa linguaxe propia e a súa capacidade para converterse en globais sen esquecer as súas raíces galegas. O cuarto compoñente reside -segundo especificou o conselleiro- nas diverxencias temáticas ou técnicas, o que confire pluralidade expresiva dentro do conxunto.
Pese ás diferenzas estilísticas, os tres están unidos pola súa “ourensanía”, un concepto territorial que traspasa as fronteiras do físico e do ámbito xeográfico para instalarse no seu traballo creativo, dotándoo dun núcleo común.
Riqueza plástica galega
Esta recompilación artística, tal e como sinalou o titular do departamento educativo, constitúe unha clara mostra da riqueza plástica contemporánea que xera Galicia e que agora poderán contemplar os cidadáns madrileños. Trátase, por tanto, de abrir a exposición a un público más amplo co obxectivo de que este coñeza a prolífica arte galega actual, neste caso a de tres recoñecidos pintores como son Alexandro, Lamazares e Vidal Souto.
Na súa intervención, o conselleiro quixo agradecer o traballo de Miguel Santalices, comisario da exposición, así como do propio equipo de Conde Duque, que participou na montaxe. Ao acto tamén asistiron o delegado da área de goberno das Artes, Deportes e Turismo do concello de Madrid, Pedro Corral; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, así como os tres artistas representados.