Nova: Rap rural con Bewis de la Rosa e pop urbano con ALARIDO son as propostas desta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

20/08/2024

Rap rural con Bewis de la Rosa e pop urbano con ALARIDO son as propostas desta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

A artista Bewis de la Rosa entrelaza música, danza e performance para reivindicar, cun pé na tradición manchega, a capacidade de transformar a sociedade desde o amor

O dúo galego ALARIDO sube ao escenario cunha proposta divertida e ecléctica de pop, dance e hip hop na que se atreven incluso a cantar en holandés

Os concertos gratuítos ao aire libre da Cidade da Cultura continúan este xoves 22 e venres 23 de agosto ás 21,00 horas

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

A artista Bewis de la Rosa, impulsora do rap rural, e o dúo galego ALARIDO subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás. O ciclo de concertos ao aire libre, impulsado pola Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude a través da Cidade da Cultura, continúa este xoves e venres con dúas propostas multifacéticas, innovadoras e descaradas para bailar coa posta do sol. Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e gratuíta.

Bewis de la Rosa mestura hip-hop, latino e folclore con referencias á tradición manchega das súas orixes para falarnos, entre outras cousas, de decrecemento, feminismos e saúde mental. Nos seus directos entrelaza música, danza e performance nunha proposta artística que convida a transformar a sociedade desde o amor. Un rico universo escénico que xa levou ao Sziget de Budapest, un dos maiores festivais musicais e culturais de Europa, e que o público galego poderá gozar o xoves 22 de agosto de balde na Cidade da Cultura.

Ao día seguinte, venres 23 de agosto, Atardecer no Gaiás trae un dos dúos galegos máis inclasificables no panorama musical actual. ALARIDO, formado por Andrés Agulla Mosteyrín e Joel Blanco, fai pop bailable con influencias da música urbana, o electro, e sobre todo moito humor. Irreverente desde os seus inicios como sorpresa fóra de cartel no Festival do Norte, ALARIDO logrou facerse viral nos Países Baixos e España en 2017, atrevéndose a cantar en holandés e mantendo un espírito de liberdade creativa absoluta.

Atardecer no Gaiás remata a finais de agosto cos concertos do galego Santi Araújo e da madrileña Rocío Saiz. O ciclo, que conta co apoio de Cervezas Alhambra e forma parte das actividades da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, programou un total de 16 actuacións entre as que soaron algúns dos estilos máis populares entre o público novo.

Comparte