Nova: A Xunta súmase á celebración dos 900 anos da orixe da denominación Ribeira Sacra co convencemento de que acadará ser Patrimonio Mundial no ano 2026
21/08/2024
A Xunta súmase á celebración dos 900 anos da orixe da denominación Ribeira Sacra co convencemento de que acadará ser Patrimonio Mundial no ano 2026
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a importancia da implicación activa dos concellos, das institucións, dos axentes económicos e sociais e da veciñanza pertencente a este territorio
Destaca que o traballo da candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ continúa de cara á remisión da documentación a finais de 2024 e primeiros meses de 2025
Desde a Xunta deseñouse este verán un calendario de xuntanzas coa poboación, tanto sectoriais como veciñais, para recoller suxestións e inquedanzas
Montederramo (Ourense), 21 de agosto de 2024
A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe en Montederramo no acto conmemorativo do 900 aniversario da vez primeira que se empregou nun documento oficial a denominación da Ribeira Sacra, baixo a forma de Rovoyra Sacrata. A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a súa intervención para amosar o convencemento do Goberno galego de que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no vindeiro ano 2026.
“Estase ante un longo e ilusionante traxecto do que o Goberno galego quere facer partícipes a todas as persoas implicadas”, puxo en valor Martínez Ínsua, quen se amosou convencida da consecución desta declaración coa unión da Administración autonómica, as entidades locais, os distintos axentes económicos e sociais e a propia veciñanza.
Neste senso, explicou que desde o departamento de Cultura do Executivo galego estanse a impulsar varias xuntanzas nos últimos tempos cos concellos e representantes locais co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións. Precisamente, apuntou ao encontro mantido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o pasado mes na Peroxa cunha trintena de alcaldes e representantes locais deste territorio para trasladarlles a situación da candidatura ou as xuntanzas que se celebran desde xullo en toda a comarca para informar e recoller as suxestións e inquedanzas de toda a veciñanza.
A directora xeral de Patrimonio Cultural incidiu en que se trata dun proceso que pon o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma” e que ten prevista a súa última sesión, segundo adiantou, o vindeiro 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.
Seguintes pasos coa vista posta no ano 2026
En todo caso, remarcou a necesidade de ir dando pasos e avanzando coa vista posta no ano 2026, cando a candidatura será avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial. Por este motivo, adiantou que o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, ten que completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.
Ao respecto, informou de que esta documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste mesmo ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. “Trátase dun paso fundamental para que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico”, precisou.
2017, ano de partida
A directora xeral de Patrimonio Cultural lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra no ano 2017 co obxecto de acadar o máximo recoñecemento por parte da Unesco. Nesta folla de ruta, o Goberno galego ten investido preto de 8M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.
Así, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.
No caso concreto da provincia de Ourense isto permitiu levar a cabo máis dunha vintena de intervencións entre as que se inclúen as restauracións dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, onde o pasado ano celebramos o congreso internacional, Santa María de Montederramo ou a rehabilitación da igrexa de Santa Cristina de Ribas do Sil. Dentro da recuperación arqueolóxica salienta a prospección feita na necrópole de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil.
“Este compromiso iniciado no ano 2017 mantense vixente na actualidade”, aseverou Mª del Carmen Martínez. Así, puxo como exemplo que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7%, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”, concluíu.