Nova: Anxo M. Lorenzo convida a gozar da cultura en Monforte de Lemos na derradeira Feira do Libro de Galicia deste 2024

21/08/2024

Anxo M. Lorenzo convida a gozar da cultura en Monforte de Lemos na derradeira Feira do Libro de Galicia deste 2024

O director xeral de Cultura participa na inauguración da última parada do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia que percorreu este ano 13 concellos galegos

Ao abeiro do ‘CulturOn’ están previstas ata o domingo medio cento de propostas como charlas, mesas redondas, presentacións ou actividades infantís

Monforte de Lemos (Lugo), 21 de agosto de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Monforte de Lemos, última parada do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia que chega ao seu fin tras percorrer 13 concellos galegos. No encontro, o representante do Goberno galego destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara á dinamización da lectura e animou aos asistentes a desfrutar do completo programa de actividades.

Nesta liña, Anxo M. Lorenzo agradeceu o traballo levado a cabo polo equipo de profesionais da organización das Feiras do Libro deste ano, que desde o pasado mes de abril, están conectando a lectura con centos de galegos e galegas. Neste senso, destacou que estas actividades forman parte do CulturON, campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que ofrece unhas 30 actividades diarias para todos os públicos en máis de 200 concellos durante esta época de estío.

O acto contou coa lectura do pregón a cargo da poeta Olga Novo, galardoada en 2021 co título de Lucense do Ano e, en 2020, co Premio Nacional de Poesía. Tamén interveu no encontro, Jacobo Rodríguez, tesoureiro da Federación de Librarías de Galicia.

Esta feira permanecerá aberta ao público na rúa do Cardenal ata o 24 de agosto, de 12,00 a 14,00 horas e de e de 18,00 a 22,00 horas, cunha programación que inclúe case medio cento de propostas para todas as idades con actividades, como charlas, mesas redondas, presentacións e iniciativas para o público infantil.

Un percorrido por 13 concellos galegos

Monforte de Lemos é a derradeira parada das Feiras do Libro de Galicia de 2024, tras un percorrido que se iniciou en Ferrol o 19 de abril, á que lle seguiron Santiago de Compostela, O Porriño, Lugo, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz.

Hábitos lectores da poboación galega

Este tipo de iniciativas impulsadas polo Goberno galego a prol da lectura buscan dinamizar o sector libreiro e tamén dar a coñecer a ampla produción literaria da Comunidade.

Cómpre destacar que en 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música e ver televisión. Cómpre destacar tamén outro dato, o da porcentaxe actual de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos, que se sitúa no 96,9% e alude a aquelas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.

No que se refire especificamente á lectura de libros, se atendemos só a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre, é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo, polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.

Comparte