Nova: Manuel Pardo anuncia que a Xunta vén de licitar as obras de restauración da fachada occidental catedral de San Martiño de Ourense por un importe de case 84.000 euros
23/08/2024
Manuel Pardo anuncia que a Xunta vén de licitar as obras de restauración da fachada occidental catedral de San Martiño de Ourense por un importe de case 84.000 euros
As intervencións supoñen un investimento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de case 84.000 euros e culminará as obras de mellora na conservación de diversas zonas do conxunto catedralicio
O delegado territorial celebrou a nova e destacou o compromiso do Goberno galego con este Ben de Interese Cultural no que leva investidos preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015
As actuacións previstas están dirixidas a resolver de maneira definitiva as patoloxías das terrazas norte e sur, tras a fachada oeste; o peche de óculos e pequenos rosetóns de rúas laterais; a colocación de proteccións de zinc en cornixas; a colocación de iluminación do Pórtico do Paraíso
Ourense, 23 de agosto de 2024
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, visitaron esta mañá a catedral de San Martiño de Ourense, para anunciar a recente licitación das obras de terminación das actuacións de restauración da fachada occidental por un importe de case 84.000 euros.
O delegado territorial celebrou a nova e destacou o compromiso do Goberno galego con este Ben de Interese Cultural no que leva investidos preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015 con actuacións como as feitas na rexería, púlpitos e sancristía ou a que estamos a piques de principiar.
Manuel Pardo sinalou que esta actuación culminará as obras de mellora na conservación de diversas zonas do conxunto catedralicio, como a resolución dalgunhas das patoloxías prioritarias do templo como os problemas de humidade e a instalación dun nova iluminación que modernizase a contemplación do Pórtico do Paraíso que se viñan desenvolvendo dende 2021 con investimento inicial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de preto de 350.000 euros.
“A influencia das catedrais na sociedade e o seu impacto na historia urbana convértenas en elementos fundamentais da cultura e da identidade dunha cidade”, destacou Manuel Pardo; que tamén subliñou, “ademais da importancia relixiosa e cultural, as catedrais xogan un papel fundamental no desenvolvemento do territorio no que se atopan e a catedral de San Martiño non é unha excepción”. O delegado territorial referiuse a esta edificación como “unha das maiores xoias da Vía da Prata”, e que o obxectivo da Xunta de Galicia é que estes bens “continúen sendo unha testemuña da nosa identidade”.
Para facelo, a Administración autonómica puxo en marcha o Plan Catedrais Galicia 2021-2027, unha folla de ruta dotada con 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.
As actuacións previstas están dirixidas a resolver de maneira definitiva as patoloxías das terrazas norte e sur, tras a fachada oeste; o peche de óculos e pequenos rosetóns de rúas laterais; a colocación de proteccións de zinc en cornixas; a colocación de iluminación do Pórtico do Paraíso, e incluso a ordenación do cableado.