Nova: López Campos destaca os minicampamentos como unha “grande opción para coñecer Galicia e o seu patrimonio”

27/08/2024

López Campos destaca os minicampamentos como unha “grande opción para coñecer Galicia e o seu patrimonio”

Xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompaña á cativada de 9 a 14 anos que goza “de vivir experiencias en contornas naturais e culturais”

Esta proposta é unha das novidades deste ano do programa ‘Coñece Galicia’ que vai pola súa quinta edición no marco da campaña de verán da Xunta para a mocidade

O Goberno galego ofertou en total 700 prazas nesta modalidade, con estadías en aloxamentos turísticos de luns a venres, distribuídas en 14 instalacións diferentes

Tomiño (Pontevedra), 27 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou esta mañá na súa visita ao minicampamento  da Xunta que se está a celebrar na localidade pontevedresa de Tomiño a grande opción que supón este tipo de actividades “para coñecer Galicia e o seu patrimonio, ofrecendo á mocidade a oportunidade de vivir e gozar de experiencias en distintas contornas naturais e culturais da nosa xeografía”.

Así, López Campos acompañou nesta xornada, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, aos 20 nenos e nenas de entre 9 e 14 anos que están a participar na segunda quenda (a primeira tivo lugar do 1 ao 5 de xullo) da actividade Aventura polo baixo Miño, unha das novidades deste ano do programa Coñece Galicia da campaña de verán do Goberno galego.

Tal e como lembrou o representante da Administración autonómica, trátase dunha modalidade de campamentos que teñen a súa base en aloxamentos turísticos como é o caso do Hotel Nueva Colina de Tomiño, con estadías de luns a venres, “desde os que a rapazada goza de propostas lúdico formativas”, sinalou, “que teñen que ver coa educación ambiental e o ocio saudable”. Deste xeito, engadiu o conselleiro de Cultura, “adquiren novos coñecementos sobre a riqueza patrimonial, cultural e etnográfica da Comunidade, promovendo o seu respecto e a súa posta en valor”.

Neste senso, ata o vindeiro venres, os participantes deste minicampamento están a gozar de accións multiaventura como rutas ambientais polos muíños do Folón e do Picón, visitas ao monte de Santa Tegra, propostas no río da Pedra, xogos con patíns ou tiro con arco, así como actividades de praia como kaiak ou paddle surf e outras centradas no eido artístico.

Programación ‘O teu mellor verán’

O programa de minicampamentos Coñece Galicia encádrase na campaña O teu mellor verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que durante os meses de xullo e agosto, e ata setembro, vén desenvolvendo actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo para a mocidade. En total, incluindo campamentos, campos de voluntariado, programas de intercambio e propostas de ocio alternativo son 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia desta campaña.

No que respecta aos minicampamentos puxéronse a disposición da xuventude 700 prazas (180 na provincia de Pontevedra) distribuídas en 34 quendas de entre 18 e 25 participantes e en 14 programas e instalacións diferentes por varios concellos galegos. O de Tomiño sumouse este ano como novidade á iniciativa, xunto con Palas de Rei e Ribeira de Piquín.

Comparte