Nova: López Campos salienta a importante achega das tradicións ao patrimonio cultural galego

28/08/2024

López Campos salienta a importante achega das tradicións ao patrimonio cultural galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na procesión e romaría popular dos Milagres de Requián, no municipio pontevedrés da Estrada

Destaca o labor e apoio do Goberno galego “en recuperar e preservar” as manifestacións e expresións inmateriais, “claves na identidade de Galicia”

A Estrada (Pontevedra), 28 de agosto de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe no municipio pontevedrés da Estrada da tradicional procesión e romaría dos Milagres de Requián, na parroquia de Frades. Trátase dunha tradición que se remonta ao século XVIII cando se construíu esta ermida entre as sobreiras deste lugar, que se acabou consolidando tamén nun lugar de descanso para os peregrinos que camiñan cara a Compostela.

O titular de Cultura do Goberno galego acompañou os veciños e veciñas desta parroquia que participaron nesta emblemática procesión e romaría. Neste senso, celebrou que forme parte do “calendario festivo e das tradicións de gran repercusión, non só da Estrada, senón de toda a comarca do Deza”.

López Campos felicitou a veciñanza de Frades por “seguir a manter e preservar” estas tradicións que forman parte da cultura popular de Galicia, “importante alicerce na construción colectiva do sentimento de comunidade”. Precisamente, fixo fincapé na relevancia de “conservar e coidar” este tipo de manifestacións que enriquecen o noso patrimonio inmaterial, “unha tarefa compartida que require do esforzo e implicación conxunta de toda a sociedade”, defendeu.

En todo caso, remarcou o apoio do Goberno galego a todas aquelas iniciativas dirixidas a “recuperar, preservar e conservar” as manifestacións e expresións populares que conforman o “diverso patrimonio inmaterial galego, clave na identidade de Galicia”.

Comparte