Nova: A Xunta inaugura nas Hejduk unha instalación que emprega unha montaxe lumínica para facer vivir ao público unha experiencia de conexión entre persoas

29/08/2024

A Xunta inaugura nas Hejduk unha instalación que emprega unha montaxe lumínica para facer vivir ao público unha experiencia de conexión entre persoas

‘H+E’ é un proxecto artístico interactivo co que a creadora visual Isabel Merchante e o crítico e comisario Óscar Manrique renden tamén tributo á amizade que uniu aos arquitectos Peter Eisenman e Jonh Hejduk

Foi escollida como vencedora entre 12 propostas candidatas ao Concurso de Intervencións Artísticas que cada ano se convoca entre os participantes no Encontro de Artistas Novos e que conta co apoio da Fundación Banco Sabadell

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo lembrou que este certame artístico procura “apoiar o talento mozo e dar visibilidade ao traballo de creadores emerxentes nun espazo de gran recoñecemento e moi icónico do complexo do Gaiás”

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura a instalación interactiva H+E, coa que a creadora visual Isabel Merchante e o crítico, comisario e historiador da arte Óscar Manrique renden tributo artístico á colaboración humana. O proxecto inspírase na amizade entre os arquitectos John Hejduk e Peter Eisenman, da que nace a decisión de construír no Gaiás estas dúas torres inicialmente concibidas para o parque compostelán de Belvís.

H+E é unha alegoría da relación entre dous creadores que, tras a morte de John Hejduk, fixo que Peter Eisenman recuperase este proxecto para o Gaiás, convertendo as dúas torres no primeiro edificio que se erixiu na Cidade da Cultura. Merchante e Manrique recuperan na súa instalación esta esencia de cooperación e creación compartida, deseñando unha instalación interactiva que para funcionar require a participación activa de cando menos dúas persoas ao mesmo tempo.

A torre de cristal e a torre de pedra conéctanse a través dunha barra que, ao ser tocada de xeito simultáneo nos dous extremos, crea unha atmosfera visual única de cada vez. Faino a través dunha instalación suspendida de cables de fibra óptica e luces led, que lembran a conexións neuronais, ramificacións vexetais ou ao escintileo das estrelas e que aluden ademais ao papel deste material que conecta aos seres humanos entre continentes e a través dos océanos.

Na inauguración de H+E, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, destacou precisamente que “a apertura, o diálogo, a cooperación e a creación compartida estean no corazón deste proxecto”. Lembrou tamén que foi escollido entre 12 propostas como gañador do concurso de intervencións artísticas que anualmente a Cidade da Cultura convoca entre os creadores e creadoras participantes no Encontro de Artistas Novos, co que se persegue “apoiar o talento mozo e dar visibilidade ao traballo de creadores emerxentes, ofrecéndolles a posibilidade de intervir un espazo de gran recoñecemento e moi icónico do complexo do Gaiás, como son estas Torres Hejduk”.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convidou ás persoas visitantes da Cidade da Cultura a explorar esta instalación “converténdose así en participantes activas dun fermoso proxecto artístico que nos lanza tamén unha reflexión sobre o noso papel no mundo e un recordatorio da capacidade humana para colaborar e crear un legado que perdure”.

O acto, que foi tamén clausura da décimo cuarta edición do Encontro de Artistas Novos, contou ademais coa participación da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor; e dos 40 artistas emerxentes participantes nesta edición. A instalación poderase visitar nas Torres Hejduk ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2025.

Biografías dos artistas

Isabel Merchante (Madrid, 1999) é artista visual, graduada en Belas Artes e Deseño pola Universidade Francisco de Vitoria en Madrid. Actualmente cursa o master Contemporary Art Practice no Royal College of Art de Londres, onde reside. Realizou exposicións individuais como Harmony, en MARTE, Castellón (2022) e Refugio de las luces en Biblioteca Xenius, Madrid (2022), participando tamén en exposicións colectivas no Círculo de Belas Artes de Madrid, no Centro de Arte Moderna de Tetuán (Marrocos), en Matadero Madrid ou na Galería 12:00 de Bogotá, entre outras. En 2023 foi premiada nos XXXIV Circuítos de Artes Plásticas da Comunidade de Madrid e recibiu tamén o 1º Premio Anual We:Now.

Óscar Manrique (León, 1994) é comisario independente, crítico e historiador da arte especializado en arte contemporánea e cultura visual. As súas investigacións céntranse na antropoloxía da imaxe, estudando as metamorfoses que estas poden sufrir no mundo contemporáneo. Traballa tamén desde unha arqueoloxía do presente, centrada no residuo, no cotiá, no kitsch e, en definitiva, en todo aquilo que a historiografía desbotou e que serve para establecer novas e diversas lecturas, especialmente aquelas que previsualizan xeitos de mirar cara ao futuro.

Comparte