Nova: A danza contemporánea galega desembarca na Tanzmesse de Düsseldorf co apoio da Xunta

30/08/2024

A danza contemporánea galega desembarca na Tanzmesse de Düsseldorf co apoio da Xunta

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coordina a primeira delegación galega no maior encontro internacional do sector, en aplicación do Plan Integral para a Danza de Galicia no relativo ao impulso da proxección exterior das nosas compañías

Representantes de sete produtoras e distribuidoras atópanse na cidade alemá na procura de novos mercados e colaboracións internacionais

Düsseldorf (Alemaña), 30 de agosto de 2024

A danza contemporánea galega participa por vez primeira de xeito coordinado na Internationale Tanzmesse NRW, o maior encontro profesional do sector a nivel mundial, que se celebra ata mañá sábado na cidade alemá de Düsseldorf. Ata alí viaxaron representantes de sete compañías produtoras e distribuidoras galegas, así como do Centro Coreográfico Galego, que integran esta delegación promovida pola Xunta de Galicia co fin de procurar contactos que favorezan a apertura de novos mercados e colaboracións internacionais.

Esta misión artística e comercial inscríbese nas medidas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve en aplicación do Plan Integral para a Danza de Galicia, folla de ruta a partir da que se están a deseñar e poñer en marcha iniciativas consensuadas co sector para aumentar a súa presenza e proxección social e potenciar un maior dinamismo e solidez do seu tecido profesional e empresarial. En concreto, esta acción entronca coa medida referida a facilitar a internacionalización da danza e as artes do movemento galegas mediante a súa participación en citas consideradas estratéxicas.

‘Pitching’ de Paula Quintas

Para facilitar esta presenza galega no Tanzmesse, a Xunta colabora coa Federación Estatal de Asociaciones de Compañías y Empresas Profesionales de Danza para a acreditación, apoio e acompañamento ás compañías desde o stand da marca Dance from Spain. Ao abeiro deste mesmo acordo, Paula Quintas Cía foi a representante galega seleccionada por unha comisión independente para a sesión de pitching #Newskyline on the road, no marco da que onte tivo a oportunidade de presentar os seus proxectos diante dos axentes acreditados.

Ademais deste apoio loxístico e promocional, tanto Paula Quintas como Amarelo Distribución e Nova Galega de Danza contan para o seu desprazamento con cadansúa axuda da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria para actividades de distribución nas industrias culturais, mentres que Sabela Mendoza e Kirenia Danza dispoñen de subvención dentro da liña para a aceleración cultural nas artes escénicas.  Completan a representación galega La Guajira e Mikel Aristegui.

Atendendo a estes perfís profesionais, dedicados non só á creación e distribución, senón tamén á xestión e programación cultural en festivais e plataformas, outro dos obxectivos desta delegación galega é coñecer os traballos doutras formacións cara á súa posible exhibición na nosa Comunidade.

Tanzmesse é un encontro bienal que celebrou a súa primeira edición en 1994 e, desde entón, centrouse fundamentalmente na comercialización e distribución de producións de danza contemporánea ata se converter no encontro internacional máis importante neste ámbito. Reúne cada ano unhas 500 empresas e máis de 1500 asistentes de medio cento de países no seu recinto feiral, ademais de ofrecer numerosas actuacións en diferentes escenarios da cidade.

Comparte