Nova: Anxo M. Lorenzo destaca “a implicación coas raíces galegas” de Bieito Ledo no ‘XL Premio Celanova’

01/09/2024

Anxo M. Lorenzo destaca “a implicación coas raíces galegas” de Bieito Ledo no ‘XL Premio Celanova’

O director xeral de Cultura participa na entrega do galardón, outorgado pola Fundación Curros Enríquez, ao promotor da editorial Ir Indo e dos Premios da Crítica de Galicia

Celanova (Ourense), 1 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, resaltou a contribución do escritor e editor Bieito Ledo “á nosa cultura como gran xestor e creador de iniciativas que levaron sempre na súa razón de ser unha fonda implicación coas nosas raíces e identidade”. Fíxoo durante a entrega do Premio Celanova. Casa dos Poetas co que a Fundación Curros Enríquez quixo recoñecer na súa cuadraxésima edición ao impulsor da editorial Ir Indo e dos Premios da Crítica de Galicia.

O representante de Cultura da Xunta lembrou que se trata dun galardón que busca enxalzar o labor a prol de Galicia realizado por persoas ou entidades, destacando no caso de Bieito Ledo “a súa valiosa aportación desde o mundo editorial ao saber cultural e científico”, tal como así o valorou tamén o xurado.

No acto celebrado pola Fundación Curros Enríquez tamén se lle rendeu a tradicional homenaxe a outro dos escritores galegos nado en Celanova, Celso Emilio Ferreiro. Neste senso, cómpre sinalar que a que fora vivenda de Curros denomínase Casa dos Poetas (dando nome ao premio) polas destacadas figuras da literatura que deu esta terra, como son tamén Xosé Luis Méndez Ferrín ou Castor Elices, entre outros.

Sobre Bieito Ledo

Co Premio Celanova. Casa dos Poetas o escritor e editor Bieito Ledo (Xunqueira de Ambía, Ourense, 1944) ve recoñecida unha traxectoria de anos nos que foi presidente do Círculo Ourensán-Vigués, fundando en 1978 os Premios da Crítica de Galicia. Tamén creou en Vigo en 1985 a editorial Ir Indo, que dirixe na actualidade, e a través da que publicou obras destacadas como a Enciclopedia Galega Universal (1999) ou o Diccionario Enciclopédico Galego Universal (2003).

Comparte