Nova: A nova temporada escénica galega chega con nove estreas de espectáculos subvencionados pola Xunta
02/09/2024
A nova temporada escénica galega chega con nove estreas de espectáculos subvencionados pola Xunta
Lagriot’te, Sarabela Teatro, Amorodio Teatro, Educateatro, Redrum Teatro, NegroLópez, Ningures Produción, Ártika Cía. e Chévere presentarán as súas novas pezas entre setembro e decembro
Xa en 2025 verán a luz o resto das producións apoiadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria para creación escénica de 2024, que distribúe preto de 800.000 euros entre 27 compañías
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024
O mes de setembro marca o inicio dunha nova temporada nos escenarios galegos que, entre a súa ampla oferta, acollen ata decembro as estreas de nove das propostas subvencionadas pola Xunta de Galicia a través da convocatoria á creación escénica de 2024. Ao abeiro desta liña de axudas á produción de espectáculos galegos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe preto de 800.000 euros entre 27 compañías.
Tras as estreas hai uns meses das pezas de danza Perder a lingua, de Eva Comesaña, e Roar, de VACAburra, a próxima das montaxes subvencionadas en ver a luz será O rexurdimento do divino sainete, espectáculo co que se presenta na nosa Comunidade Lagriot’te, unha nova compañía galego-andaluza nacida en Londres. O 15 de setembro poderá verse en Celanova esta proposta, con música en directo, baseada no coñecido poema de Curros Enríquez co ánimo de poñer o foco non só na súa obra, senón tamén na faceta menos coñecida da súa biografía.
En setembro tamén chega ás táboas o novo de Sarabela Teatro, que representa o día 18 en Ourense A cincenta que non quería comer perdices, inspirada no conto de Nunila López Salamero sobre os roles de xénero e como rachar con eles, así como Cortello de amor, de Amorodio Teatro. Neste caso, Rianxo acolle o día 27 a primeira das funcións desta comedia física e de enredo, con banda sonora orixinal de Grande Amore.
Xa en outubro, están previstas as estreas de dous espectáculos para público familiar: Circo de Pinocho, de Educateatro, e Os contos de Lobicán, de Redrum Teatro, a partir do texto co que Eva Mejuto obtivo en 2022 o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de público infantil, convocado pola Xunta.
Pola súa banda, a axenda teatral de novembro sinala o inicio do percorrido doutros tres espectáculos, todos eles cun enfoque social que convida á reflexión: As gardiás, de Teatro de Ningures, sobre a loita das traballadoras da industria téxtil; Non pasarán, de Ártika Cía., arredor dalgúns dos principais desafíos políticos e sociais actuais, e #Influencers, no que NegroLópez ofrecerá unha mirada cómica e crítica das redes sociais.
Ademais, a finais de ano Chévere ten previsto estrear unha nova entrega de Ultranoite, coa que continúa enriquecendo un proxecto creado en 1993. Trátase dun espectáculo anfibio que, coa retranca de fondo, se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades ou o café teatro.
As restantes compañías que contan con subvención da Xunta para a produción de espectáculos teñen prevista a súa estrea xa para 2025. É o caso de Chévere con A derradeira lección do mestre e Elefante Elegante con Alta costura, como beneficiarias da modalidade de proxectos plurianuais.
Completan a listaxe O último home de Ainé Producións, Guerra de Teatro do Noroeste, Ubasute de Berrobambán, Solfuerza de aAntena, Beltenebros de Javier Martín, Reconversión de Ibuprofeno Teatro, Dance Join de Marta Alonso Tejada, As desterradas de Producións Teatrais Excéntricas, Aurora Boreal de Paula Quintas, Catch de Pistacatro, Livres de Daniel Rodríguez, Para que non me deixes aquí soa de Julia Laport, Tromso de Morraoconto, Nana Bunilda de Títeres Cachirulo e Baleiro de Teatro Ensalle.