Nova: A Xunta licita por máis de 460.000€ as obras para solucionar os problemas de humidade na catedral de Lugo

03/09/2024

A Xunta licita por máis de 460.000€ as obras para solucionar os problemas de humidade na catedral de Lugo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude procura corrixir así as patoloxías detectadas que poñen en risco a conservación deste Ben de Interese Cultural

Será preciso actuar sobre espazos públicos e canalizacións históricas existentes para levar a cabo tarefas de drenaxe que resolvan os problemas de filtracións

A intervención conta cun prazo de execución duns seis meses e encádrase no compromiso do Goberno galego coa conservación e posta en valor do patrimonio máis sobranceiro da Comunidade ao abeiro do Plan Catedrais

Lugo, 3 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar por máis de 460.000 euros as obras para corrixir a entrada de humidades na cabeceira da catedral de Santa María de Lugo e que afecta especialmente a capela da Virxe dos Ollos Grandes e as capelas absidiais. Trátase dunha intervención, que conta cun prazo previsto de seis meses para a súa execución e para a que será preciso actuar sobre espazos públicos e canalizacións históricas co obxecto de realizar drenaxes que resolvan os problemas de filtracións.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sostén a necesidade destas actuacións —cofinanciada pola Unión Europea nun 60% no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027— para frear o proceso de deterioración e corrixir as patoloxías detectadas que poñen en risco a conservación deste Ben de Interese Cultural, declarado monumento histórico-artístico e que está incluído na Declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

En concreto, os técnicos teñen detectado a presenza xeneralizada de humidades en todos os muros exteriores das capelas absidiais e na da Virxe dos Ollos Grandes, ademais de falta de morteiros en xuntas. Engádeselle tamén a aparición de manchas de escorrentías e colonización vexetal en xuntas e gretas, a maiores de outras degradación de elementos pétreos que están a afectar ao uso cotián do espazo.

Actuacións para resolver os problemas detectados

Para resolver estes problemas, a licitación establece que deberán construírse galerías paralelas intermedias entre o muro de pechamento das capelas e a galería correspondente do século XVIII co obxecto de que funcionen como galerías de ventilación.

Ademais, deberán restaurarse as canalizacións históricas existentes baixo a rasante da praza, á vez que se realizan correccións dos derrubamentos que bloquean a evacuación da auga, producindo acumulacións que afectan ao interior da cabeceira.

Finalmente, prevese que se actúe na fachada e nos encontros coa cuberta para evitar a entrada de auga por filtración. Para iso, realizarase a limpeza e reposición de pranchas de chumbo danadas dos canais de cuberta, limparase a fachada, reporase o material das xuntas da fábrica, e realizaranse os tratamentos que requira a pedra para súa conservación.

Plan Catedrais

Esta actuación forma parte da liña de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade ao abeiro do Plan Catedrais. Trátase da folla de ruta para actuar nos templos catedralicios de Galicia co horizonte de 2027 e que, no caso de Lugo, prevé un investimento de 7 millóns de euros para levar a cabo unha quincena de actuacións.

A Consellería de Cultura continúa programando traballos na catedral de Santa María de Lugo ao abeiro do Plan de Catedrais, cofinanciado polo programa europeo Galicia Feder 2021-2027.

Neste marco, recentemente remataron as tarefas de restauración do claustro, nas que investiu 625.000 euros e que incluíron outros labores complementarios, como as investigacións arqueolóxicas que permitiron constatar a existencia dunha importante necrópole de época medieval e moderna e descender á cloaca romana a través do rexistro de entrada existente no recinto.

Comparte