Nova: A Xunta e o Teatro Principal ofrécenlle ao público de Ourense sete espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

03/09/2024

A Xunta e o Teatro Principal ofrécenlle ao público de Ourense sete espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A estrea do novo de Sarabela Teatro, as comedias ‘Go Home’ e ‘As r(h)umorosas’, a danza de Elvi Balboa, a ópera ‘A loba branca’, a última montaxe de Chévere e ‘Camino al zoo’, con Fernando Tejero, prográmanse a través do circuíto autonómico 

Esta rede de artes escénicas e música, cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 42 entidades locais asociadas, conta con preto de 2M€ en 2024 para ofrecer 552 actuacións de 172 formacións artística profesionais

Ourense, 3 de setembro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 42 entidades locais asociadas, achegaralle sete funcións á programación do Teatro Principal de Ourense nestes últimos catro meses do ano. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe así á nova carteleira do espazo da Deputación Provincial, configurada por 23 citas culturais, dentro da que se atopan tamén a produción do Centro Dramático Galego Terceiro acto e outros dous eventos apoiados polo Goberno autonómico, como o Ourense Film Festival e o Festival Internacional de Teatro.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, detallou esta colaboración durante a presentación celebrada hoxe no escenario ouresán e na que interveu xunto ao vicepresidente e ao director da Área de Cultura e Deporte da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil e Marcos Vázquez Guzmán, e á directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Máis de 550 actuacións en 42 concellos

O representante da Xunta fixo balance da actividade que a Rede Galega de Teatros e Auditorios está a desenvolver en 2024, ano no que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as 42 entidades locais asociadas invisten preto de dous millóns de euros na programación de 552 citas de artes escénicas e de música, cifras que sitúan este circuíto como referente na programación cultural en Galicia. O seu orzamento destínase integramente á contratación das 172 formacións artísticas profesionais que protagonizan as actuacións, das que 140 son compañías de teatro, danza, circo e maxia e 32, grupos de música.

Sutil tamén puxo en valor tanto a calidade como a variedade da oferta do Teatro Principal, que levanta o pano do seu escenario a propostas de teatro, danza, cine, música e humor, entre as que se atopan algunhas das grandes citas do calendario escénico da temporada.

Destacou, entre elas, a estrea da nova produción de Sarabela Teatro, A cincenta que non quería comer perdices, que trata de desmontar os falsos mitos do amor romántico a partir dunha historia escrita por Nunila López Salamero e baixo a dirección de Fina Calleja. Esta produción, subvencionada pola Xunta a través da convocatoria para a creación escénica, poderá verse o vindeiro 19 de setembro dentro da oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios, precedida dun pase para público escolar no día anterior.

Como parte do circuíto autonómico, o Teatro Principal tamén acollerá a ópera galega A loba branca, de Brais González, polo Grupo Caspervek (27 de setembro), a peza de danza Anöa de Elvi Balboa (19 de outubro), as comedias de Etiqueta Negra Go-home con David Amor e Josito Porto (26 de setembro) e As R(h)umorosas con Ledicia sola, Carmen Doviro e Carmen Méndez (9 de novembro), Helen Keller, a muller marabilla de Chévere (24 de novembro) e Camino al zoo, con Fernando Tejero, Ana Laborde e Dani Muriel  baixo a dirección de Juan Carlos Rubio (15 de decembro).

Aniversario do Centro Dramático Galego

O responsable de Industrias Culturais anunciou, así mesmo, que o 16 de novembro o Centro Dramático Galego recalará en Ourense coa xira da súa produción Terceiro acto, espectáculo que homenaxea as primeiras xeracións do teatro profesional galego e que a compañía pública recupera en 2024 con gallo da celebración do seu 40º aniversario.

Ademais das programadas no Teatro Principal da cidade das Burgas, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá outras 13 actuacións artísticas na provincia de Ourense. Así, ás sete representacións citadas, hai que sumarlle as oito que se celebrarán no Barco de Valdeorras e as cinco que terán lugar na Rúa e mais no Carballiño.

Comparte