Nova: López Campos destaca a oportunidade de proxección exterior que ‘Camiño Escena Norte’ lles ofrece ás compañías galegas do sector

04/09/2024

López Campos destaca a oportunidade de proxección exterior que ‘Camiño Escena Norte’ lles ofrece ás compañías galegas do sector

Ibuprofeno Teatro, Colectivo Glovo e Píscore actuarán en 15 localidades do norte peninsular, mentres que Furia Sotelo participa nas residencias artísticas

O programa amplía a súa presenza a 13 localidades de Galicia, que do 13 de setembro ao 27 de outubro recibirán espectáculos das outras catro comunidades participantes

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, subliñou a oportunidade de proxección exterior que para o sector escénico galego supón Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, circo, danza e artes do movemento de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. Así o expresou durante a súa intervención hoxe na presentación da sexta edición desta iniciativa, que conta desde os seus inicios coa colaboración da Xunta para o desenvolvemento da carteleira de espectáculos na nosa Comunidade.

Este ano intensifícase a presenza de Camiño Escena Norte en Galicia, onde se amplía de 11 a 13 o número das localidades que, do 13 de setembro ao 27 de outubro, recibirán propostas chegadas do resto dos territorios participantes. Pola súa banda, as compañías galegas Ibuprofeno Teatro, Colectivo Glovo e Píscore levarán os seus espectáculos a 14 escenarios do norte peninsular, mentres que Furia Sotelo participará nas estadías artísticas Cruzamentos dentro das actividades paralelas desta iniciativa.

Diálogo profesional e co público

A praza do Obradoiro, meta do Camiño de Santiago, acolleu esta presentación, na que López Campos incidiu na vixencia do papel das ruta xacobea como vertebradora cultural que, neste caso, sirve de fío condutor para o diálogo profesional e co público de numerosos proxectos escénicos ao longo do Camiño do Norte. Fixo fincapé, así mesmo, na frutífera colaboración entre a iniciativa privada e as institucións públicas para a posta en marcha e a consolidación deste programa, que -como lembrou- está organizado conxuntamente polos principais colectivos de compañías escénicas das cinco comunidades implicadas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro neste acto, no que tamén interveu Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega, a asociación que coorganiza Camiño Escena Norte xunto ás entidades homólogas do resto dos territorios. Asistiron, ademais, representantes das compañías galegas participantes e doutras das empresas e espazos colaboradores, como o Centro Dramático Galego. No transcurso do acto, Colectivo Glovo ofreceu un fragmento da súa peza de danza Tabú, coa que viaxará a Oviedo, Bilbao, Zarautz e Los Corrales de Buelna no marco do ciclo itinerante Constelacións, que conforman os 15 espectáculos (tres por cada territorio) que este ano xirarán polas cinco comunidades do programa. A compañía de Esther Latorre e Hugo Pereira tamén presentará en Pamplona a súa creación Alleo, no marco da colaboración que Camiño Escena Norte establece co festival Ribera en Danza a través da iniciativa Vieiros.

Tamén percorrerán o norte peninsular Ibuprofeno Teatro, que representará Deadpan Karaoke en Alsasua, Castro Urdiales, Villaviciosa e San Vicente de la Barquera, e Píscore-Culturactiva, que levará Molto Barroco a Avilés, Laredo, Mutriku, Tafalla e Sangüesa. No caso de Furia Sotelo, foi seleccionada para colaborar coa compañía cántabra Babirusa Danza durante unha estadía en A Casa Vella, na aldea ourensá de Amiadoso, do 14 ao 22 de outubro.

Esta rede de estancias Vieiros forma parte das numerosas actividades paralelas de Camiño Escena Norte, que conta tamén cun Catálogo de espectáculos recomendados, un programa de consultoría profesional e de acompañamento ao público, o espazo de convivencia profesional Habitación Peregrina PRO ou a devandita sección Vieiros que, por segundo ano consecutivo,  escolleu o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo como representante galego.

Espectáculos en espazos singulares de Galicia 

En Galicia, o ciclo Constelacións ofrecerá os espectáculos de 11 compañías das outras catro comunidades como parte dunha carteleira que arrancará o venres 13 en Santiago de Compostela e percorrerá escenarios e espazos singulares de Foz, Outes, Vilalba, Sobrado dos Monxes, Melide, Carballo, Vimianzo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro. 

Neste 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta-El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones-Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku-El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral preentarán diante do público galego as súas montaxes máis recentes. 

Comparte