Nova: Javier Arias visita o xacemento de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón, onde se veñen de rexistrar novos achados

06/09/2024

Javier Arias visita o xacemento de Penas do Castelo, na Pobra do Brollón, onde se veñen de rexistrar novos achados

Os arqueólogos atoparon dous recipientes cerámicos case completos e grande cantidade de fragmentos que poden aportar información máis concreta sobre o momento de uso do xacemento, datado na Idade de Ferro

O delegado territorial destacou a importancia deste proxecto de investigación con carácter comunitario para coñecer o pasado da nosa provincia e consolidar novos recursos turísticos

A Pobra do Brollón (Lugo), 6 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo, na parroquia de Salcedo na Pobra do Brollón, onde se veñen de rexistrar novos achados no marco da cuarta campaña de escavacións que se desenvolve no castro desde a semana pasada.

Nesta campaña, os arqueólogos céntranse en consolidar as partes máis expostas da muralla que defendía o lugar e ademais realizaron unha sondaxe no interior do xacemento, que revelou os importantes achados. Trátase de dous recipientes cerámicos, practicamente completos, e outra grande cantidade de fragmentos aínda por determinar. Nun dos cacharros aparecen ademais grans de cereal e restos concrecionados nas súas paredes interiores.

Os fragmentos cerámicos serán tratados pola restauradora Alba Losada, que intentará reconstruír as pezas co fin de coñecer a súa tipoloxía e cronoloxía. Os restos de semente, xunto ás concrecións e numerosos carbóns atopados, analizaranse en laboratorio e poden aportar información sobre o momento de uso do xacemento.

Os arqueólogos consideran que no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo, datado na Idade do Ferro, se rexistrou un lume que faría colapsar as paredes de pallabarro da construción, caendo sobre canto había no interior da edificación deixándoo selado e nun óptimo estado de conservación, como se observa no caso dos recipientes.

Javier Arias destacou a importancia deste tipo de proxectos de investigación para coñecer mellor o pasado da provincia e consolidar novos recursos turísticos e valorou especialmente que en Penas do Castelo teña un carácter comunitario. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia os traballos e conta coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e da Asociación de veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo.

A Consellería leva investido no xacemento de Penas do Castelo preto de 70.000 euros a través de 4 campañas arqueolóxicas desenvolvidas entre os anos 2021 e 2024.

Comparte