Nova: A Cidade da Cultura prepárase para recibir esta tarde a centos de familias nunha nova edición de ‘Cidade Imaxinaria’

07/09/2024

A Cidade da Cultura prepárase para recibir esta tarde a centos de familias nunha nova edición de ‘Cidade Imaxinaria’

O titular de Cultura do Goberno galego, José López Campos, salienta a capacidade de xerar programacións integrais para todas as idades

As funcións e xogos, protagonizados por preto de cen artistas, desenvolveránse desde as 16,00 horas ás 20,00 horas

A iniciativa enmárcase na campaña estival da Xunta, o ‘CulturOn’, que finaliza neste setembro tras ofrecer unha media de 30 actividades diarias desde xuño

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, sumarase esta tarde aos centos de familias que se achegarán ao Gaiás a gozar dunha nova edición de Cidade Imaxinaria, que inclúe nesta edición seis espectáculos e oito zonas de actividades. Unha oportunidade, resaltou, para “despedir as vacacións da cativada cunha ampla programación de circo, teatro, maxia e música que encadramos no CulturON, a nosa campaña estival”.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da oferta familiar do Gaiás, destacada por conxugar na súa programación a vertente lúdica coa artística, pedagóxica e didáctica. López Campos remarcou tamén que o evento aposta por poñer en valor o traballo das compañías, artistas, e distribuidoras do eido das artes escénicas, o circo ou o teatro de rúa, moitas delas galegas, “que amosan a calidade, creatividade e bo facer da nosa oferta cultural”.

Cada recuncho do Gaiás encherase de fantasía durante esta tarde de sábado, desde as 16,00 horas ás 20,00 horas, da man de tres espectáculos fixos con varios pases, tres itinerantes e oito espazos de xogos e actividades nas que non faltan a escoliña de circo, os xogos tradicionais, a maxia e o ilusionismo, as acrobacias, o clown ou a música, todo sen deixar de lado temas de actualidade como a concienciación sobre o coidado do medio ambiente.

Precisamente, nesta edición da Cidade Imaxinaria os nenos e nenas participarán na creación dun mural colaborativo con temática medioambiental, realizado con pinturas fotocatalíticas que depuran o aire. A superficie a pintar durante este obradoiro, impartido por Vella Escola, equivale ao efecto depurativo que terían 15 árbores.

Comparte