Nova: O Festival de teatro afeccionado Agustín Magán arranca en Santiago co apoio da Xunta

07/09/2024

O Festival de teatro afeccionado Agustín Magán arranca en Santiago co apoio da Xunta

O representante do Goberno autonómico convida a cidadanía a gozar deste encontro co teatro amador que se celebrará na capital galega ao longo do mes de setembro

Salienta que nos últimos catro anos o apoio á Federación Galega de Teatro Afeccionado incrementouse en máis dun 65% para “impulsar a súa importante actividade e ofrecer actividades como este festival que cada ano está máis consolidado”

As representacións celebraranse no Salón Teatro, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta coa participación das compañías Disfunción Continua, Teatro de Cámara DITEA, Porta Aberta, Gargallada Teatro, Teatro Antas de Ulla e Teatro Pesadelo

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe á estrea da obra Entrañas negras coa que dá comezo a XXIII edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Trátase dunha cita que, tal e como explicou, conta co apoio da Xunta de Galicia e que ofrecerá, a partir de este sábado e ata finais de mes, un encontro co teatro amador grazas á participación de seis compañías. 

No inicio desta cita, o responsable de Cultura do Goberno autonómico agradeceu o importante traballo que se fai desde a Federación Galega de Teatro Afeccionado, promotora desta iniciativa, para levar a cabo un festival “cada vez máis consolidado e con maior capacidade para atraer novos públicos” e no que cada ano “queda patente o potencial do teatro amador feito en Galicia”. 

Neste senso, López Campos lembrou o compromiso da Administración autonómica co teatro afeccionado. Un apoio que, tal e como explicou, reflíctese no incremento en máis dun 65 % nos últimos catro anos da colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación Galega de Teatro Afeccionado para impulsar a actividades do teatro por todo territorio galego. 

Ata o 27 de setembro

Ademais da cita de hoxe, o Festival Agustín Magán contará con programación nas xornadas do 8, 21, 22, 26 e 27 de setembro. As representacións terán lugar no Salón Teatro, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta e serán sempre ás 20,00 horas. 

A edición deste ano conta coa participación das compañías Disfunción Continua, responsables da peza estreada hoxe no Salón Teatro para dar comezo ao festival; Cámara DITEA, que representarán a obra Un mal día teno calquera; Porta Aberta, coa mostra Get back, ou Gargallada Teatro que ofrecerán Crónica dun pobo. Completan a listaxe Teatro Antas de Ulla con Yerma e Teatro Pesadelo coa obra Desaquelado. 

 

 

Comparte