Nova: A Xunta de Galicia investirá máis de 560.000€ na conservación da concatedral de San Xiao de Ferrol e da catedral de Mondoñedo

09/09/2024

A Xunta de Galicia investirá máis de 560.000€ na conservación da concatedral de San Xiao de Ferrol e da catedral de Mondoñedo

O Consello da Xunta dá luz verde o convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol para actuar nestes dous bens

No caso de San Xiao, as actuacións inclúen a restauración da torre sur da concatredral cunha achega de máis de 318.000€

Na catedral de Mondoñedo, destínanse preto de 250.000€ para reparar a cuberta e á renovación da iluminación e electricidade

Os traballos  intervencións realízanse ao abeiro do Plan Catedrais Galicia, a folla de ruta dotada con 38 M€ co horizonte do Xacobeo 2027

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as Diocese de Mondoñedo-Ferrol para contribuír a posta en valor e mantemento da concatedral da San Xiao de Ferrol e da catedral de Mondoñedo. Trátase dun acordo que, no seu conxunto, supón un investimento de máis de 560.000€ para realizar intervencións de protección, conservación e rehabilitación nestes dous bens patrimoniais ao longo deste ano 2024 e do 2025.

No caso da concatedral de San Xiao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará máis de 318.000 euros para obras de restauración da torre sur, que presenta deterioración vencellada co paso do tempo, coas inclemencias meteorolóxicas e coa polución. Así, as intervencións terán como fin actuar sobre elementos afectados pola corrosión. Ademais, tamén se fará limpeza de superficies e restauraranse as escaleiras e as reixas, entre outras obras.

Estas actuacións dan continuidade aos traballos realizados o pasado ano no marco doutro convenio de colaboración entre o Goberno galego e esta Diocese. Naquel momento, as achegas do Goberno galego foron dirixidas a resolver as patoloxías da fachada e a cuberta das cúpulas cunha achega de 450.000 euros.

Cómpre destacar que este templo catedralicio constitúe o ben patrimonial máis singular  do Barrio da Magdalena, declarado Ben de Interese Cultural polo seu conxunto  histórico.

Reparación da cuberta e iluminación e electricidade da catedral de Mondoñedo

O convenio de colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Ferrol-Mondoñedo aprobado hoxe polo Consello da Xunta tamén inclúe a reparación das vigas da cuberta da catedral de Mondoñedo cunha achega de preto de 200.00 euros, ao que se lle engade a renovación da iluminación e da electricidade deste templo catedralicio, nas naves, xirola, sancristía e capelas. A isto último, o Goberno galego destina máis 48.000 euros.

Débese aclarar que a catedral de Mondoñedo posúe unha instalación eléctrica antiga, realizada nos anos 60 do pasado século XX e mantén tamén iluminación desa mesma época. Por iso, o obxecto destas actuacións é adaptar as instalacións renovadas á normativa actual e conseguir unha iluminación máis eficiente que potencie o valor artístico e patrimonial da nave, da xirola, da sancristía e das capelas.

Cómpre recordar que en 2021 o departamento de Cultura do Goberno galego levou a cabo un primeiro investimento de máis de 300.000 euros na catedral de Mondoñedo para a restauración do conxunto mural do presbiterio e nave central.

Plan Catedrais

Ambas as dúas actuación forma parte da liña de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade ao abeiro do Plan Catedrais Galicia 2021-2027.

 

Trátase da folla de ruta para actuar nos templos catedralicios de Galicia co horizonte de 2027 e conta con 38 millóns de euros para reformar seis catedrais (Santiago de Compostela, San Martiño de Mondoñedo (Foz), Santa María de Lugo, Virxe da Asunción de Mondoñedo, San Martiño de Ourense e Santa María de Tui) e dúas concatedrais (San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo).

Comparte