Nova: Anxo M. Lorenzo salienta a importancia de fomentar a creación lírica en galego no recital ‘Poeta Ramiro Fonte’

09/09/2024

Anxo M. Lorenzo salienta a importancia de fomentar a creación lírica en galego no recital ‘Poeta Ramiro Fonte’

O director xeral de Cultura asiste en Pontedeume á celebración desta cita incluída na campaña ‘CulturON’

A proposta rende homenaxe a este escritor da Xeración dos 80 que foi membro correspondente da Real Academia Galega

Pontedeume (A Coruña), 9 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a importancia de fomentar a lírica feita en lingua galega. Fíxoo na celebración do recital Poeta Ramiro Fonte celebrado nos xardíns da Casa da Cultura de Pontedeume para render homenaxe a este escritor.

Trátase dunha cita que, tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, leva catro edicións apoiando o traballo de novos creadores, así como de voces consolidadas que empregan o galego nas súas creacións. Así mesmo, o director xeral de Cultura lembrou que o recital forma parte da campaña CulturON, coa que o Goberno galego enche de actividades culturais este verán con máis de 30 propostas diarias en máis de 200 concellos desde o mes de xuño.

O recital celebrado en recordo de Ramiro Fonte, é unha homenaxe á traxectoria deste poeta e escritor da Xeración dos 80 que tamén foi membro correspondente da Real Academia Galega. “Trátase dun persoeiro que merece ser lembrado pola súa contribución á cultura e a lingua de Galicia a través do seu traballo”, precisou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Na cita, os veciños de Pontedeume Concha Suárez, Iago Castro e Carmen Sánchez foron convidados a ler varios poemas de Ramiro Fonte e os autores Xosé Fernández, Eva Veiga e Antonio Seijas declamaron textos das súas propias obras. A nota musical do certame correu a cargo dos artistas Foly Lamas e Francisco Rey.

Comparte