Nova: A Xunta colabora coa 46ª semana de cine de Lugo, que se celebra do 23 ao 29 de setembro cunha carteleira de 147 películas

10/09/2024

A Xunta colabora coa 46ª semana de cine de Lugo, que se celebra do 23 ao 29 de setembro cunha carteleira de 147 películas

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación do programa xunto aos organizadores, o Grupo Fonmiñá

O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta acollerá as proxeccións dos nove filmes incluídos no ciclo Cine en galego

Lugo, 10 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia colabora coa 46ª Semana de Cine de Lugo, que se celebrará do 23 ao 29 de setembro. A carteleira inclúe 147 películas que poderán verse en cinco espazos da cidade, entre eles o salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, que acollerá o ciclo de Cine Galego. Haberá tamén proxeccións na Biblioteca Provincial, o auditorio Gustavo Freire, o Vello Cárcere e o salón de actos da Deputación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa xunto a Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e Manuel Curiel, coordinador da iniciativa, que organizan o certame desde o ano 1979.

A carteleira está organizada en varios ciclos: Infantil, O mellor do ano, Sección oficial, Cine Documental, Homenaxes, Cine español inédito, Cine galego, As curtas tamén son cine e Cine galego curtas. O ciclo Cine galego inclúe unha selección de nove títulos que se proxectarán na edificio da Xunta os días 24, 25, 26 e 27 de setembro:  Os valores no camiño, As tres outras vidas de María S., Pico Sacro, Claustrofobia, Florencio, o cego dos Vilares, Pretérito imperfecto, Aurora, Menos a morte e O Courel: terra dura, terra brava.

O programa da Semana de Cine inclúe tamén homenaxes á actriz lucense Melania Cruz e a Ánxel Fole, entre outros, así como a proxección de películas en Aspnais e en centros penitenciarios dentro do ciclo especial Deixade que o cine...

O delegado territorial gabou o traballo dos organizadores do certame “por brindarnos aos lucenses a oportunidade de desfrutar do mellor cine na nosa cidade, co reto de propor cada ano unha carteleira que sorprenda e ilusione”. O delegado destacou ademais o papel que xogan este tipo de festivais “para darlles visibilidade ás producións galegas, en confluencia co cine que se fai noutras partes do mundo”.

Comparte