Nova: A Xunta inicia os traballos de restauración do lenzo interior do cubo LXXI da Muralla de Lugo
11/09/2024
A Xunta inicia os traballos de restauración do lenzo interior do cubo LXXI da Muralla de Lugo
Lugo, 11 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia iniciou os traballos de restauración do lenzo interior do cubo LXXI da Muralla de Lugo, entre os xardíns da Deputación e a Porta Falsa. Esta intervención, xunto coas obras previstas no cubo XVIII, conta cun orzamento de máis de 450.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe a zona e explicou que os traballos servirán para corrixir as patoloxías que o lenzo interior do cubo sofre principalmente polas filtracións de auga de escorrenta do adarve, ao tratarse dunha zona con pendente, que podían comprometer a súa estabilidade.
Unha vez que a actuación neste lenzo estea rematada procederase á restauración do cubo XVIII, coa limpeza da pedra e unha escavación arqueolóxica na zona do adarve, entre outros traballos.
Arias destacou que o Goberno galego realiza unha “avaliación permanente” da Muralla co fin de “atallar incidencias e garantir a conservación do Monumento”.