Nova: O Festival Maré celebrará a súa quinta edición en Santiago como punto de encontro cultural e lingüístico
12/09/2024
O Festival Maré celebrará a súa quinta edición en Santiago como punto de encontro cultural e lingüístico
O secretario xeral da Lingua destaca a colaboración da Xunta con esta cita que reunirá unha trintena de artistas chegados doutros países
A iniciativa levarase a cabo a partir do 25 e contará cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas, o día 26
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da quinta edición do Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas onde salientou o carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico.
Valentín García puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia con esta cita que contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa que se celebra dende o día 25 pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a grande oferta cultural que ten Galicia, “facendo da nosa comunidade un referente en canto a festivais”. Deste xeito, salientou a colaboración da Xunta de Galicia co Gozo Fest e o Son do Camiño, “dous acontecementos que acolleu a capital galega e que foron quen de complementar e mellorar a calidade das ofertas culturais na comunidade”.
O Maré. Festival de Música e Artes Atlánticas do día 25 ata o 29 de setembro acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas. As actividades terán lugar en diferentes espazos como a Sala Capitol, a praza Mazarelos ou o Teatro Principal que irán dende os concertos, que ocuparán a maior parte das accións, ata representacións teatrais, obradoiros, encontros, artesanía, poesía ou propostas na rúa para a cativada.