Nova: A Xunta recompila en dous catálogos as obras das exposicións ‘Doazóns 2015-2023’ e ‘Tomás Barros A Doazón’ que pechan este domingo no Museo de Belas Artes da Coruña

13/09/2024

A Xunta recompila en dous catálogos as obras das exposicións ‘Doazóns 2015-2023’ e ‘Tomás Barros A Doazón’ que pechan este domingo no Museo de Belas Artes da Coruña

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinala a xenerosidade dos doantes e destaca a súa contribución ao patrimonio artístico galego

As mostras acolleron desde maio a un total de 30.000 visitantes

A Coruña, 13 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe os catálogos que recompilan as obras das exposicións Doazóns 2015-2023 e Tomás Barros A Doazón, que se atopan abertas ao público desde o mes de maio e ata este domingo 15 de setembro no Museo de Belas Artes da Coruña.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a xenerosidade das persoas que doaron estas “importantes pezas que inclúen pinturas, debuxos, gravados, esculturas ou arte decorativa” a este centro. Neste senso, o director xeral de Cultura agradeceu a súa contribución que, tal e como sinalou, evidencia “a sensibilidade e o compromiso social” destas persoas que decidiron de xeito altruísta “a enriquecer o patrimonio artístico de Galicia”. “A recompilación feita agora nestes dous catálogos tamén é un xesto de agradecemento pola súa colaboración”, sinalou Anxo M. Lorenzo.

Dende a apertura das mostras, o 2 de maio, no caso de Tomás Barros A Doazón, e o 30 de maio no caso de Doazóns 2015-2023, ambas acolleron durante estes catro meses máis de 30.000 visitantes que, tal e como lembrou o representante do goberno Galego, “gozaron da arte visitando este museo”. Á primeira das mostras asistiron máis de 17.600 visitantes e en canto á segunda visitárona case 13.000 persoas.

Os volumes

O catálogo de Tomás Barros recolle a doazón de 22 obras realizada, en 2017 polos seus fillos Araceli e Tomás Barros Cao ao Museo e Belas Artes da Coruña. Trátase dunha colección composta de sete óleos, catro debuxos realizados en ceras de cores sobre papel, unha acuarela e dez gravados coa técnica de linografía, que veñen a completar a representación deste artista na colección do museo.

Cómpre lembrar que a obra plástica de Tomás Barros está vinculada á creación intelectual que desenvolveu en disciplinas como o teatro, a poesía, o ensaio, os estudos de estética e de pensamento. Ademais, esta colección de obras tamén permite coñecer a súa faceta artística como pintor e gravador.

No caso da mostra Doazóns 2015-2023 a entidade recompila os donativos de iniciativa particular que tiveron lugar nos últimos 8 anos e trata de resaltar o altruísmo das 16 persoas que achegaron á colección desta entidade un total de 100 obras de artistas galegos do século XX aportando pinturas, debuxos, gravados, escultura e artes decorativas.

Entre os artistas representados nesta mostra atópanse autores como Joaquín Vaamonte, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Elena Gago, María del Carmen Corredoira, Blanca López,  Xaime Quesada ou Francisco Lloréns entre outros.

Comparte