Nova: A Xunta impulsa catro residencias artísticas no Gaiás ligadas á identidade de xénero, á vivenda, á escultura téxtil e á conversión de mapas en música

16/09/2024

A Xunta impulsa catro residencias artísticas no Gaiás ligadas á identidade de xénero, á vivenda, á escultura téxtil e á conversión de mapas en música

Deus te livre, de Sergio Marey, CA-CO-FLEX de Isabel Fernández, Téxtil suspendido, de María Barros e Exercicios sonoros de cartografía inversa, de Pablo Seoane, son os seleccionados nesta edición de 2024

Cada proxecto recibirá unha achega de 8.000 euros e disporá dun espazo de traballo, recursos e equipos técnicos na Cidade da Cultura entre setembro e novembro

O director xeral de Cultura subliña o crecente interese nesta convocatoria de axudas, á que se presentaron este ano un total de 184 candidaturas

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024

Este mes de setembro comezan o seu traballo na Cidade da Cultura os catro novos proxectos beneficiarios das Axudas REGA 2024, promovidas pola Xunta de Galicia dentro do Programa de Residencias Artísticas do Gaiás. A representación do colectivo LGBTI+ dentro das culturas galega e portuguesa, o acceso á vivenda, a aplicación das técnicas da alta costura á creación de esculturas téxtiles, e a transformación de mapas en música son os temas centrais das propostas seleccionadas.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a benvida esta mañá ao conxunto de artistas que traballarán nos espazos de residencia do Gaiás, e destacou o crecente interese nestas axudas promovidas polo Goberno galego. En apenas tres edicións, triplicouse o número de propostas presentadas para a súa avaliación, subliñou, pasando dos 56 ata os 184 proxectos recibidos este ano.

Proxectos en residencia no Gaiás

A primeira residencia artística no Gaiás deste outono será a da deseñadora de moda María Barros, con Téxtil suspendido. A coruñesa explorará as posibilidades que ofrece a técnica do moulage, usada na alta costura, para crear figuras escultóricas colgantes con tecido. A súa investigación céntrase tanto nos materiais téxtiles como nas estruturas e soportes para o deseño de entre tres e cinco pezas que mostrará ao remate da súa residencia. O resultado darase a coñecer tamén nun libro-obxecto manuscrito con versión dixital que se poderá descargar de maneira gratuíta.

Xa no mes de outubro comezarán a traballar os outros tres proxectos seleccionados. CA-CO-FLEX, de Isabel Fernández, propón unha reflexión desde as artes escénicas sobre a vivenda, empregando o cartón como material e como elemento poético. No equipo de desenvolvemento da peza participan a artesá Julia Marín e as actrices e actores Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González. A residencia supón para todos eles unha oportunidade de darse a coñecer como equipo escénico, ademais de abrir un debate no público ao redor dunha problemática.

Os músicos Pablo Seoane e Macarena Montesinos desenvolverán Exercicios sonoros de cartografía inversa, unha proposta que transformará en música a colección de cartas náuticas e mapas topográficos da costa galega conservados na Biblioteca de Galicia, que van desde o ano 1603 ao século XX. O proxecto indaga na relación transfronteiriza entre os mapas, o territorio e a realidade, á vez que explora novos sistemas de representación e notación musical. Ambos artistas teñen intención de compartir o seu proceso creativo nun concerto/instalación ao remate da residencia no Gaiás.O lucense Sergio Marey propón en Deus te livre crear unha instalación que combina artes visuais e performance na que recapacita sobre as analoxías culturais entre Galicia e Portugal. Á vez, Marey establece un paralelismo entre el mesmo e a figura do escritor Fernando Pessoa que serve como base de investigación das representacións LGTBI+. A peza destacará os elementos históricos, lingüísticos, culturais e económicos que comparten a cultura galega e portuguesa, reflexionando sobre os lazos que nos unen máis aló das fronteiras políticas.

Para o seu desenvolvemento, cada unha das propostas tirará proveito dos espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura, e recibirá unha dotación económica de 8.000 euros. Durante a súa estadía contarán, ademais, co acompañamento dunha persoa mentora experta vinculada ao campo artístico de cada proxecto.

Comparte