Nova: Manuel Pardo subliña a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural

16/09/2024

Manuel Pardo subliña a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural

O delegado territorial comprobou esta mañá o remate dos traballos de limpeza e roza dos Castelos da Limia, propiedade da Xunta de Galicia, aos que Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 12.000 euros

Manuel Pardo explicou que esta actuación forma parte das intervencións da Xunta para conservar e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Galicia

“O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”; sinalou Manuel Pardo

Ourense, 16 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, comprobou esta mañá o remate dos traballos de limpeza e roza dos Castelos da Limia, propiedade da Xunta de Galicia, aos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 12.000 euros.

O delegado territorial explicou que esta actuación forma parte das intervencións arqueolóxicas que para o ano 2024 promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do seu servizo de Arqueoloxía, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Manuel Pardo subliñou “a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural que é un dos principais sinais que procuran identidade de pobo”. “O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”; concluíu.

As actuacións desenvolvéronse na Torre do Castro (Sandiás), no Castelo da Pena (Xinzo de Limia) e na Torre de Firbeda (Porqueira); todas eles teñen a consideración de Ben de Interese Cultural(BIC) do patrimonio cultural de Galicia. Construídas entre os séculos XI e XII co obxectivo de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal así como de controlar a lagoa da Antela. Forman parte dunha rede de defensas da zona de maior fertilizade do val da Limia.

Os traballos, baixo control  arqueolóxico, consistiron na roza da vexetación e limpeza, eliminación de pequenas árbores e tocos deixados en anteriores limpezas, cortándoos a ras de solo,  trituración ou traslado ao vertedoiro dos restos silvícolas.

Comparte