Nova: A oitava edición do Galician Freaky Film festival converte Vigo na Festa do Cinema Fantástico co apoio da Xunta de Galicia
20/09/2024
A oitava edición do Galician Freaky Film festival converte Vigo na Festa do Cinema Fantástico co apoio da Xunta de Galicia
Ata o 28 de setembro, o público poderá ver en pantalla grande títulos emblemáticos do xénero, ademais de participar nas actividades paralelas do certame
A sección oficial está integrada por 60 curtametaxes procedentes de 29 países
Trátase dunha das 10 mostras audiovisuais subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria para festivais profesionais do sector
Vigo, 20 de setembro de 2024
Títulos emblemáticos do cinema fantástico e propostas interxeracionais conforman o núcleo da programación do oitavo Galician Freaky Film Festival, que se desenvolve en Vigo desde hoxe a ata o vindeiro día 28. O certame volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual, que este ano distribuíu 300.000 euros entre 10 mostras do sector, cifra que supuxo un incremento do 33% respecto a 2023.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta tarde na inauguración desta nova edición nos cines Tamberlick da cidade olívica, que son unha das sedes do Galicia Freaky Film Festival xunto coa Sala Apo'strophe. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou o director do certame, Juan de Castro, pola programación deste ano, da que destacou a combinación de clásicos do xénero con actividades que atraen tamén unha audiencia non familiarizada co cine fantástico. Neste sentido, subliñou o protagonismo do público familiar na xornada que se lle dedica mañá sábado no marco da sección Pequefreak, con obradoiros de efectos especiais e a proxección do clásico A historia interminable.
“A atracción da mocidade galega cara á nosa cultura e a celebración da mesma como un elemento central de ocio son dous elementos que desde a Xunta nos interesa impulsar especialmente”, subliñou na súa intervención.
Clásicos de aniversario
A sesión inaugural do Galician Freaky Film Festival rendeulle homenaxe a dous clásicos que celebran o seu 40 aniversario: Terminator e Pesadelo en Elm Street, “películas xestadas nunha época na que o cinema galego comezaba a dar os seus primeiros pasos nun camiño cheo de esforzo e talento por parte dos seus profesionais”, comentou Sutil en referencia á traxectoria descrita desde entón polo noso audiovisual e ao recoñecemento internacional acadado nos últimos anos.
Homenaxe a ‘Toxic Percebe’
De feito, Galicia conta tamén con referentes propios neste xénero como é o caso da curtametraxe Toxic Percebe, dirixida por Xabier Jácome e Martín Fiallega, á que o festival lle rende homenaxe coincidindo cos 20 anos da súa estrea.
En canto á sección oficial, 60 curtametraxes chegadas de 29 países e dispostas para o público en diferentes bloques temáticos competirán polos oito galardóns a concurso. Destaca nesta programación competitiva a posibilidade de asistir a 15 filmes inéditos en España e a 25 estreas en Galicia.
Xunto coas proxeccións, o certame organiza diferentes actividades paralelas como obradoiros de guión, deseño e efectos especiais, presentacións de libros, un encontro de festivais de temática similar ou a Feira Fantástica, que abre as súas portas os días 27 e 28 de setembro na praza Elíptica. Ademais, a mostra convidada en 2024 é o Neuchâtel International Fantastic Film Festival, o único deste xénero en Suíza, que traerá a Vigo unha selección de obras.