Nova: O Centro Dramático Galego impulsa este outono a súa actividade de apoio á creación escénica coa estrea de cinco coproducións
21/09/2024
O Centro Dramático Galego impulsa este outono a súa actividade de apoio á creación escénica coa estrea de cinco coproducións
Mañá poderá verse en Póvoa de Varzim ‘Territórios de Liberdade’, dirixida por Quico Cadaval e coproducida xunto a Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim
Tamén en relación con Portugal, o 28 de setembro chega a Rianxo ‘Entrepalav-bras’, con ButacaZero e TEatroensaio
O 14 de novembro estrearase en Coímbra ‘Frágua de Amor’, de Gil Vicente, xunto a seis estruturas teatrais lusas
O 5 de outubro verá a luz en Vimianzo ‘As formas do amor’, con Verdeveras Expresións Artísticas, e o 15 chegará ‘Lémbrame, Spominaj Na Mnje’ dentro do Festival Internacional Galicreques
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2024
O Centro Dramático Galego estrea a comezos deste outono cinco das coproducións impulsadas durante este 2024, coincidindo coa celebración do seu 40º aniversario. Trátase dos espectáculos Territórios de liberdade, Entrepalav-bras, As formas do amor, Lémbrame, Spominaj na Mnje e Frágua de amor, para os que a unidade teatral da Xunta de Galicia estableceu alianzas con tres compañías galegas, oito portuguesas e unha alemá.
Na liña de internacionalización que se leva desenvolvendo nos últimos anos, mañá, domingo 22, estréase en Portugal o espectáculo Territórios de liberdade, coproducido polo Centro Dramático Galego xunto á compañía galega Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim Teatro. A cita será ás 17,30 horas no Cine-Teatro Garret de Póvoa de Varzim e como parte do programa da 15º edición do festival É-Aqui-in-Ócio.
A peza, que conta con dirección de Quico Cadaval e dramaturxia de Zé Paredes, trata sobre a liberdade en diferentes territorios dun e doutro lado das fronteiras e ofrece historias contadas en varias épocas e a través de dous ollares opostos que, en realidade, teñen como único horizonte a liberdade. Sobre o escenario traballa un elenco de cinco intérpretes: Andrés Giráldez, Eduardo Faria, Joana Luna, Joana Soares e Miguel Borines.
Impacto do teatro nas mudanzas sociais
Tamén como un chanzo máis na relación que une o Centro Dramático Galego co país veciño, estase a coproducir Entrepalav-bras xunto á galega ButacaZero e a lusa TEatroensaio, un proxecto de investigación que pretende afondar sobre o impacto do teatro nas mudanzas sociais. Tras unha estadía de ensaios no Salón Teatro no pasado mes de xullo e unha función previa en Vila Nova de Gaia, agora a obra preséntase en Rianxo o sábado 28 de setembro, ás 20,30 horas no Auditorio Municipal.
O espectáculo está composto por dúas pequenas pezas escénicas en formato monólogo nas que ButacaZero e TEatroensaio, unidas na paixón polo teatro político, mais separadas pola fronteira entre os dous países, cruzan o seus equipos para a xestación dun experimento escénico transnacional. Así, Fracturas, escrita e dirixida por Pedro Estorninho e interpretada por Pepa Barreiro, conta a historia dunha muller escondida nun búnker, perdéndose e encontrándose consigo mesma e coas súas memorias e afrontando a dura tarefa de non perder as palabras. Pola súa banda, Ergue o cu está escrita por Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e conta co traballo da actriz Inês Leite na interpretación. O texto pretende reflexionar sobre a necesidade do teatro político e convida a pensar no compromiso que temos, como público, á hora de entrar no teatro.
Outro novo proxecto conxunto con Portugal verá a luz xa en novembro coa posta en escena de Frágua de amor, de Gil Vicente, espectáculo que se está montar con seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, O Bando de Surunyo, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João. A peza, escrita en 1524 para celebrar o casamento de D. João III con Catarina de Habsburgo, estará dirixida por António Augusto Barros, contará cun elenco de nove intérpretes (Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Mónica Camaño, Nuno Meireles e Sérgio Ramos) e música en directo (voz, laúde, viola de gamba, frauta e percusión). A estrea será o día 14 en Coímbra, chegará a Santiago de Compostela o 10 de xaneiro de 2025 e haberá funcións en Évora e Porto.
Relacións amorosas en clave de humor
O Centro Dramático Galego continuará en outubro co seu apoio á creación escénica e á dramaturxia galegas a través da coprodución de As formas do amor, posta en marcha pola compañía compostelá Verdeveras Expresións Artísticas, que se estreará o sábado 5 de outubro ás 20,30 horas no Auditorio Municipal de Vimianzo.
Despois de Crónica dunha heterosexual insatisfeita, tamén coproducida polo Centro Dramático Galego con Verdeveras, a dramaturga e actriz María Ángeles Iglesias presenta en clave de humor unha obra de teatro sobre as relacións amorosas. Con Gena Baamonde na dirección, leva a escena a historia dunha parella, interpretada pola propia María Ángeles Iglesias xunto con Sergio Zearreta, cando se volve atopar logo dun tempo separada e coa que se pretende facer reflexionar sobre o amor e as diversas formas de amar. A peza, que se presenta como alegre e conmovedora, transmite valores de igualdade entre homes e mulleres e de construción de vínculos saudables. Octavio Mas é responsable do espazo escénico e da iluminación da montaxe, en tanto que Tato López asina o deseño sonoro e música orixinal para a montaxe.
Ademais, como parte da programación da vindeira edición do Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, o 15 de outubro terá lugar a estrea de Lémbrame, Spominaj na Mnje, proxecto desenvolvido xunto á compañía alemá Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bauizten no marco do proxecto europeo PHŌNĒ. Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, baixo a dirección de Tim Heilmann e con dramaturxia dos galegos Rafa Rey, Alba Grande e Borja Insúa.
Máis actividade
O Centro Dramático Galego está a simultanear a súa participación nestas coproducións co resto de actividades programadas no marco do seu 40º aniversario, como son os últimos ensaios para a reestrea da produción propia de 2021 Terceiro acto, que acollerá o Salón Teatro o 3 de outubro, onde se representará ata o día 20 para desenvolver despois unha xira por outros escenarios galegos ata o 16 de novembro.
Entre outras citas, tamén terá lugar unha nova residencia artística do proxecto PHŌNĒ, desta volta xunto cun equipo do teatro romanés Teatrul Evreiesc De Stat, que traballará na sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela do 28 de setembro ao 5 de outubro.