Nova: A Xunta e Galaxia presentan o ensaio ‘Economía e poesía: Rimas internas’, gañador do Premio Ramón Piñeiro 2023
23/09/2024
A Xunta e Galaxia presentan o ensaio ‘Economía e poesía: Rimas internas’, gañador do Premio Ramón Piñeiro 2023
O secretario xeral da Lingua participa nesta cita na que a autora, Yolanda Castaño, amosa a publicación desta obra, a primeira que escribe deste xénero literario
Destaca o papel do galardón para fomentar a creación e a divulgación en lingua galega de traballos de calidade, amenos e críticos, sobre temas variados
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García participou hoxe, no Pazo de San Roque, na presentación de Economía e poesía: Rimas internas, o primeiro ensaio escrito por Yolanda Castaño e co que acadou, o pasado decembro, o XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o papel do galardón para fomentar a creación e a divulgación en lingua galega de traballos de calidade, amenos e críticos, sobre temas variados. Neste senso, salientou os 30 anos de traxectoria literaria da autora sobre os que reflexiona profundamente neste ensaio.
Sobre a obra galardoada, o secretario xeral da Lingua puxo en valor as reflexións sobre o mundo da cultura. Destacou a capacidade de Castaño para abrir un debate sobre a profesionalización neste eido e tamén sinalou “a dignificación dos traballadores da palabra”, concretamente, fixo fincapé na aposta do Goberno galego para promover propostas, como este galardón, que axuden aos autores a potenciar as súas carreiras profesionais.
Xunto con Valentín García, tamén participaron na presentación o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o director xeral de Caixa Rural, Jesús Antonio Méndez e a autora da obra, Yolanda Castaño.
A galardoada
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha premiada xestora cultural coa súa Residencia para Escritores e Escritoras na Coruña. Desde 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos de poesía. Conta no seu haber con múltiples premios, entre os que destacan os Premios Nacionais da Crítica (1998 e 2022), Espiral Maior 2007, Premio da Cultura de Galicia e o Premio Nacional de Poesía 2023.
Publicou varios poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) e en inglés, francés, catalán, italiano, serbio, macedonio, esloveno e armenio, plaquettes noutros tantos idiomas, antoloxías e libros de poesía infantil, entre outras moitas obras. Recibiu varias bolsas como Escritora en Residencia no estranxeiro, mostrou o seu traballo en múltiples países e, en colaboración con outros artistas, desenvolveu experiencias que fusionan a escrita con outras linguaxes creativas: plástica, música, arquitectura, danza, audiovisual, cómic, cine en 360º ou mes coa cociña.