Nova: A Xunta considera “fundamental” incidir na investigación en conservacion do patrimonio para salvagardar os bens culturais

24/09/2024

A Xunta considera “fundamental” incidir na investigación en conservacion do patrimonio para salvagardar os bens culturais

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta que estes estudos permiten preservar a historia, a identidade e os valores das sociedades

Destaca a aposta do Instituto do Patrimonio Cultural de España por que Galicia fose anfitrioa desta xornada 

Defende o recoñecemento específico da investigación en conservación do patrimonio dentro dos plans de I+D+i 

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, defendeu esta mañá a aposta da Xunta de Galicia pola investigación en conservación do patrimonio ao consideralo “fundamental” para “conservar e salvagardar os bens culturais”, sobre os que alertou que “non son renovables”. Fíxoo na inauguración do obradoiro de traballo do Plan Nacional de Investigación en Conservación, que se celebra durante o día de hoxe en Santiago de Compostela.

Na benvida ás persoas participantes na Cidade da Cultura, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o Instituto do Patrimonio Cultural de España escollese Galicia como anfitrioa para a celebración desta terceira xornada de traballo ao redor do Plan Nacional de Investigación en Conservación. Trátase dun mecanismo básico de xestión, programación, fomento e coordinación da investigación sobre esta materia, no que participan todos os responsables do patrimonio do Estado; as comunidades autónomas e o Ministerio de Cultura.

Precisamente, Mª del Carmen Martínez incidiu no relevante destas investigacións para preservar a historia, identidade e valores da sociedade “e para garantir o equilibrio ambiental e a continuidade do planeta tal e como o coñecemos, loitando contra o cambio climático que o ameaza”, alertou.

Cómpre destacar as aplicacións prácticas destas investigacións na conservación ou protección de bens patrimoniais que se están levando a cabo en Galicia. En concreto, na catedral de Santiago de Compostela estase a empregar un sistema de predición da circulación do aire para mellorar a súa conservación, mentres que para actual restauración do Templo Votivo do Mar, emblemático monumento de Antonio Palacios no concello pontevedrés de Nigrán, aplícase a metodoloxía BIM cun modelo en tres dimensións, que permite centralizar todos os datos e informacións do proxecto, o que facilita a xestión e tamén axuda a acadar un mellor resultado e eficiencia.

Consecuentemente, a directora xeral de Patrimonio Cultural puxo en valor estes estudos non só para restaurar e protexer monumentos, tradicións, arte e paisaxe que son parte do legado cultural da humanidade, “senón tamén para permitir garantir a transmisión destes bens ás xeracións futuras”, enxalzou. 

Investigación do patrimonio dentro dos plans de I+D+i

Por estes motivos, considerou “moi necesarias” estas xornadas de carácter interdisciplinar para intercambiar “perspectivas e experiencias” entre as comunidades participantes co obxecto de “estimular a capacidade de innovación e recursos de cara a esta área”.

Neste senso, defendeu o recoñecemento específico da investigación en conservación do patrimonio dentro dos plans de I+D+i, promovidos polas distintas administracións públicas, para que “contribúan desde a calidade e a competencia á consolidación deste sector”, concluíu.

Comparte